Océano

San Miguel de Eiré

O MUNDO FOISE abrindo ao coñecemento ao longo da nosa evolución coma unha rosa nunha despaciosa mañá de primavera. Un paso pequeno para o home, pero grande para a Ribeira Sacra, deuno Excladia Ordóñez aquela tardiña sollada do século XII no que se ergueu dunha sesta densa. Sen abandonar o cuarto obedeceu ao soño recente asinando con pluma de ganso louzán e capado a fundación dun mosteiro segundo se vaga de Pantón e Escairón. O tempo vai desfacendo toda obra, tanto natural como humana, pero do convento quedou a notable igrexa de San Miguel de Eiré. O apelido irlandés do templo fai eco ás viaxes de ida e volta que emprenderon no estómago da noite os fillos naturais e bastardos de Breogán. Asomaron ao Atlántico dando albiscado tons esmeralda da vella Irlanda. A viaxe, a risco da vida, era o seu xeito de coñecer. Os monxes desa época aplicaron a súa paciencia intelectual e artística para copiar e iluminar libros marabillosos que logo se converteron nos cines da Idade Media porque as súas páxinas eran sabias e brillantes. Asomarse nelas contabilizaba no avance persoal o mesmo ca navegar un océano. En San Miguel de Eiré non se representaron barcas como nos lugares de culto creados por irlandeses na costa norte de Galicia. Asentados na Ribeira Sacra, non atoparon causa para o regreso á casa.

Comentarios