Miércoles. 21.11.2018 |
El tiempo
Miércoles. 21.11.2018
El tiempo

Obxectivo de ano novo: recuperar o tipo

Todo comezo do ano adoita ir acompañado de bos propósitos, se ben hai dous especialmente recorrentes e que van da man: perder peso e apuntarse ao ximnasio. Tras os excesos de Nadal a base de turróns, copiosas comidas e sobremesas, toca recuperar o tipo, ou polo menos intentalo.

 

O catedrático da USC Carlos Diéguez sostén que nestas festas se engordan entre dous e catro quilos por unha fame “hedonista”. Por iso, non é de estrañar que os centros de dietética estean rexistrando unha masiva afluencia de xente para deixar atrás ese sobrepeso indesexado.

 

María Jesús Vázquez, especialista en nutrición de Herbosana na Coruña, confirma o aumento de demanda de dietas nestas datas. “Tratamos xente que engordou tres ou catro quilos e outra que xa estivo a réxime e, ao deixalo durante o Nadal, recuperou o peso perdido, podendo chegar a gañar ata seis quilos”, explica.<

 

Neste centro coruñés elaboran dietas específicas para cada persoa, se ben a nivel xeral aconsellan “activar o metabolismo, limpar o fígado e o intestino e logo dieta básica”. É dicir, substituír os fritos por comidas á prancha ou cocidas e reducir graxas e doces. “Hai xente que xa perde ese exceso de peso en 15 días ou un mes”, afirma Vázquez, que recorda que toda dieta debe ir acompañada de deporte. Aí é onde entran os ximnasios, que nalgúns casos fan o seu agosto en xaneiro ao ver como se disparan as matrículas.

 

No Multiusos Fontes do Sar de Santiago explican que, se ben o boom de inscricións o rexistran nos meses previos ao verán, en xaneiro tamén ven como o número de abonados sobe “un 25%”. O mesmo incremento de altas rexistran no Ximnasio Arenal de Vigo,  onde “só a metade dos inscritos nestas datas se volven asiduos, xa que logo hai a típica persoa que se dá un palizón durante un mes e santas pascuas”, di José Manuel Pereira, monitor do centro.

 

Na mesma liña, Jorge Murillo, coordinador deportivo do Multiusos, explica que, malia que hai xente que empeza o ano coas pilas cargadas, “aos dous meses moita xa o deixa desmotivada”. Para evitar isto, Murillo recomenda pedir asesoramento e marcarse obxectivos, empezando a facer deporte de forma gradual ata acadar “as dúas ou tres sesións dunha hora á semana, que é o ideal”.

 

Este mes dispárase a demanda de actividades relacionadas coa perda de peso, como o zumba, o aquafitness e o body step. Por intentalo, que non quede.
 
 
Sobe un 50% a demanda para facer liposuccións

Á hora de recuperar o tipo tamén hai quen prefire coller un atallo e opta polo bisturí, evitando así o esforzo que supón pasar fame ou suar no ximnasio. Fernando Peraza, coordinador da Unidade de Estética do Hospital Fátima de Vigo, explica que a demanda de liposuccións aumenta un 50% “de xaneiro a mediados de febreiro”. Este socorrido tratamento tras o engorde típico destas festas custa desde 1.500 euros e Peraza indica que a muller “entra ás 4 e ás 7 se vai para a casa andando cunha faixa”. Iso, grazas a unha novidosa técnica con láser da que dispón Fátima e que só precisa de anestesia local, “aforrando os custos de ingreso e quirófanos”, explica.

Un garfo electrónico axuda a perder peso

Todo aquel que desexe adelgazar poderá contar en breve coa axuda dun garfo intelixente. Ideado por unha empresa francesa, trátase dun dispositivo electrónico que alerta coa súa vibración cando se está comendo demasiado rápido, o que está demostrado que contribúe a engordar. O mango do garfo, un pouco máis groso do normal, agocha un sistema electrónico que detecta cada vez que se leva á boca. 

A FRASE:
“Hai moitas nais que por nadal lles regalan unha liposucción ás súas fillas”

Fernando Peraza, especialista do Hospital Fátima de Vigo, que xa dispón dunhas tarxetas regalo para satisfacer esta curiosa demanda

Obxectivo de ano novo: recuperar o tipo
Comentarios