Obxectivo a cumprir: ''Aprender e divertirnos''

O Centro de Artesanía e Deseño (Centrad), que depende da Deputación de Lugo, iniciou a pasada semana a programación de obradoiros portátiles, que lles ofrecen ós escolares da provincia a oportunidade de familiarizarse coas técnicas artesanais de encadernación e cestaría ou de fabricación de papel, tapices, instrumentos musicais ou monicreques.

Na Terra Chá, os encargados de inaugurar esta proposta no 2011 foron 30 alumnos, dos seis ós doce anos, dos colexios Monseivane de Moreda (Vilalba), Santo Estevo de Parga (Guitiriz), e Ramón Falcón de Castro de Rei, que acudiron, respectivamente, a obradoiros de cestaría, instrumentos musicais e fabricación de papel.

Estes talleres son, para os rapaces e rapazas, unha oportunidade para «aprender e divertirnos», como eles din. De feito, moitos son ‘repetidores’, porque levan xa varios cursos apuntándose ós obradoiros.

«Gústanos moito, porque aparte de pasalo ben, aprendes a facer cousas», salientan os alumnos de Parga. Da man de Manolo Vizcaíno xa levan feito os máis dispares instrumentos e cada quen ten o seu favorito: a carraca, o taranquexo, o tonométrico... pezas que gardan nas súas casas e que, de vez en cando, aínda fan soar.

«Está chulísimo», din os alumnos das clases de fabricación de papel do Ramón Falcón. Cada un ten a súa parte preferida do proceso: «A min gústame facer o papel», «revolver para facer a masa», «facer debuxos nas follas», «meter as mans na auga»... Decidiron asistir porque lles parecía interesante, xa que poden facer «libretas, axendas, follas brancas ou de cores, con fíos, con relevos...». «É todo artesán, porque ata collemos follas e herbas do campo para facer as formas», din, e insisten «apréndese moito».

Unha mensaxe similar é a que transmiten os alumnos de cestaría do Monseivane. Tan namorados están desta especialidade, que os tres días fánselles pouco e gustaríalles que se convertese nunha materia do curso, coma matemáticas ou coñecemento do medio.

Os que comezan este ano fan lapiceiros, carros ou cestas e os veteráns, papeleiras. «Non é difícil se prestas atención e Idoia explica moi ben, diche unha cousa e xa a entendes», sinalan estes aplicados alumnos, que din que as familias «dínnos que o que facemos é moi bonito e anímanos a vir».

Monitores.

Do entusiasmo dos nenos do Monseivane dá conta a monitora Idoia Cuesta, quen lembra que nas clases traballan con médula de rótem, «porque é flexible e manexable». «Empézase polo básico e vaise incrementando a dificultade, traballamos tecido dobre ou triple, remates e adornos», resume, ó tempo que salienta que «os nenos da zona rural son una pasada, implícanse moito nos talleres».

María Mata, monitora do obradoiro de papel, explica que a idea é que os alumnos se familiaricen coas orixes e a historia deste material: «El objetivo es que sepan de dónde viene, darle aprecio, valorar el proceso que tiene y también el medio ambiente, porque todo es natural». Así «aprenden a elaborar el papel con técnicas antiguas, a partir de fibras vegetales, en este caso algodón y hacemos hojas blancas y también decoradas con colores u otros elementos».

Neste curso, os alumnos do obradoiro de instrumentos fan un sistro, un elemento de percusión con catro pares de ferreñas. O mestre Manolo Vizcaíno defende que nestes talleres, ademais de aprender «o abano de instrumentos que existen, o proceso de fabricación e a maneira de producirse o son», fomentan valores coma o respecto polo material e polos compañeiros ou hábitos de convivencia, orde, esforzo ou creatividade.

Programación

Neste curso, alumnos dos colexios de Moncelos (Abadín), Rosalía de Castro de Mosteiro (Pol), Terra Chá de Román (Vilalba), O Salvador da Pastoriza e Lagostelle de Guitiriz tamén terán a oportunidade de asistir a algún destes obradoiros.

María Mata e Asunción Bermúdez imparten ata mañá no Ceip Terra Chá clases de fabricación de papel, ás que asisten 20 nenos. O venres e o sábado tócalle ó Ceip Lagostelle de Guitiriz, que acollerá este mesmo obradoiro de 16.00 a 21.00 horas. Do 11 ó 13 de abril impartirase no Monseivane e, do 9 ó 11 maio, en Moncelos.

Os rapaces guitiricenses tamén asistirán, o 25 e 26 deste mes, a o obradoiro de monicreques, que tamén se impartirá previamente, do 14 ó16, no Ceip O Salvador.

As clases de fabricación de instrumentos continúan esta semana no Ceip de Parga, mentres que do 21 ó 23 será o artesán Xaneco Tubío o encargado de impartirlas no colexio pastoricense, de 16.30 a 19.50 horas. Vizcaíno tomará o relevo do 28 de febreiro ó 2 de marzo, no Ceip Ramón Falcón e, do 21 ó 23 de marzo será en Moncelos.

Os rapaces do Santo Estevo tamén terán a oportunidade, do 28 de febreiro ó 2 de marzo, de coñecer os segredos da cestaría da man de Idoia Cuesta, igual que os de Mosteiro, do 4 ó 6 de abril.

Participación 74 xornadas, 740 escolares

  • Os obradoiros portátiles do Centro de Artesanía e Deseño de Lugo contan xa, ata finais deste curso, con 74 xornadas confirmadas nas seis especialidades que se imparten: instrumentos musicais, fabricación de papel, encadernación, monicreques, cestaría e tapiz. En total, son 740 nenos e nenas de toda a provincia luguesa os que poderán aprender a través destes diferentes cursos as orixes e as técnicas dos oficios tradicionais galegos.

Centros educativos

  • A Deputación convidou a todos os centros de ensino da provincia a participar, de forma gratuíta, neste programa no que podían optar a dous obradoiros. Os únicos requisitos a cumprir son que os artesáns estean acompañados por personal do colexio e que o número de alumnos por curso non supere a decea.

Inscrición

  • Nesta edición formularon a súa inscrición 35 centros públicos, privados e concertados -oito deles da comarca chairega e de Pol-, de preto de 30 municipios.

Comentarios