Obsolescencia programada

Hai uns días pasouse pola televisión un interesantísimo documentario titulado Consumir, tirar e producir, que se acha en internet ao dispor de quen o desexe. Vai sobre a denominada obsolescencia programada, que consiste na estratexia seguida desde hai décadas por unha chea de empresas, que para conseguiren cuantiosas ganancias, acurtan a vida dos produtos que fabrican. Os deseñadores e  enxeñeiros ao servizo destas grandes corporacións traballan creando a mantenta produtos industriais, como poden ser, entre outros moitos, lámpadas, medias de nailon, electrodomésticos, coches e impresoras, cunha data de funcionamento ou de caducidade breves. Ao pouco tempo, por mor da súa fraxilidade, xorden avarías xa programadas no momento do seu deseño e de imposíbel reparación, que fan que se teñan que tirar.

Mantense deste xeito unha sociedade de consumo e de crecemento económico para o beneficio dos propietarios desas empresas. Non se busca que os produtos duren para sempre, senón todo o contrario, que teñan unha caducidade reducida. E a produción medra sen pausa, na mesma medida que se esgotan os recursos naturais, se enche o mundo de residuos que non se reciclan e se destrúe o medioambiente. Mentres que os cidadáns consumen arreo, adquirindo novas mercadorías, axudados polas facilidades da tarxeta de crédito e encirrados e seducidos pola presión publicitaria, que asocia a vida feliz co consumo. A sociedade de consumo occidental caracterízase porque nela se merca por diversión e de maneira compulsiva, máis que por necesidade. Este consumo e produción ilimitados danan o planeta, orixinando o cambio climático, a perda da biodiversidade e diversas patoloxías médicas. E aínda por riba, hipotécase o futuro das novas xeracións.
   
Alén deses males, a obsolescencia programada constitúe unha estafa xeralizada que fan as empresas aos cidadáns e que os gobernos deberían impedir. Semella que se prefire deixalas tranquilas ou mesmo colaborar con elas, antes que evitar que a sociedade, que fica moi indefensa, sufra contínuos calotes, como o de proporcións xigantescas que houbo ante as falsas ameazas de castástrofe informática pola chegada do ano 2000, que fixeron que se vendesen millóns de computadores.
   
No documentario intervén Serge Latouche, un dos grandes ideológos do decrecemento, da necesidade de levarmos unha revolución cultural, que cambie os valores actuais e faga posíbel sociedades nas que se consuma, produza e traballe menos. Sociedades nas que se dispoña de máis tempo para o lecer, con maior benestar, nas que prime a felicidade das persoas sobre a súa eficacia produtiva e o nivel de consumo. O decrecemento é hoxe a corrente de pensamento político, económico e social, de base anticapitalista, máis suxestiva e que fai máis achegas globais para solucionar os principais problemas da humanidade e do noso planeta. Vivir con menos no Norte, para que poidan vivir mellor e con máis consumo no Sur, sen que se destrúa o orbe, son hoxe imperativos para a supervivencia de todos.
   
Materiais como este filme poden proporcionarnos aos profesores, para a  tarefa de irmos concienciando e formando ás novas xeracións en valores anticonsumistas e antiprodutivistas, axuda para levarmos adiante un decrecemento sustentábel e que se consiga unha vida máis satisfactoria para a maioría.

Comentarios