Obscenamente rico

«NON PODO acreditar nun crego que se fixo rico entre os pobres», díxome hai moitos anos un vello a quen recollín nunha estrada da montaña. Véñenme á memoria aquelas palabras cando leo nos xornais as cifras do ascenso meteórico dun empresario que pretenden ofrecernos como modelo. Non sei se aquel crego se fixo rico entre os pobres, mais estou certa de que o empresario si. Entre os pobres e a conta de explotar o traballo dos pobres, que aínda é peor. Nada me conmove que, para celebrar fastos familiares, mellore por un día o menú dalgún comedor social. Tampouco grandes fundacións que, xa se sabe, teñen a vantaxe de desgravar en Facenda. Primeiro é a xustiza e despois a caridade. Sen aquela, esta é pura pantomima.

Por fortuna hai cregos e cregos e empresarios e empresarios. Xeneralizar é falaz.

Os defensores do home rico, inmensamente rico, escandalosamente rico, obscenamente rico, son moitos. Podería compralos, mais non o necesita. Razoan que paga ao fisco, crea postos de traballo e fai medrar o Produto Interior Bruto, cousas que non se poden discutir. Mais non reparan noutros detalles, por exemplo as longas xornadas de mulleres de países subdesenvolvidos, a cobrar salarios de miseria para facer máis competitiva a empresa máis competitiva do mundo.

Dirán que é a envexa, que nós somos así, que non temos amaño e sempre machucamos os que triúnfan. Dirán que ladramos porque cabalgan. E si que ladramos, valla a expresión, mais non resentimento, senón unha verdade elemental, que ninguén debe construír un imperio sobre sacrificios humanos ao deus Capital. Atahualpa Yupanqui deixouno cantado: «Color de sangre minera tiene el oro del patrón». Claro que iso foi antes, cando o neoliberalismo aínda non tiña nome. Agora diríao con outras palabras non menos gráficas, pero máis actuais, ligadas á globalización e os seus efectos. En todo caso, o sangue, póñaselle o adxectivo que se lle poña, será o de sempre.

Non é o meu propósito tirar contra ninguén. Seguramente o empresario ao que me estou a referir, e que está na mente de quen lea isto, non é unha mala persoa. El, simplemente, bota man das prácticas máis eficaces á hora de obter resultados. Polo que semella, non lle crean problemas de conciencia. El non as inventou, outros o fixeron primeiro, se cadra sen tanto éxito. Mais, como a conciencia é unha construción persoal nun contexto social, é preciso clamar por outra sensibilidade neste eido.

A mesma globalización que tanto se invoca para outras cousas ten que funcionar a favor dunha economía máis humanizada. Aínda que xa hai organizacións que avisan disto, ¿para cando unhas axencias de cualificación do respecto aos dereitos laborais co mesmo afán que as financeiras, como Standar & Poors, Moody’s ou Fitch? Seguro que non lles farían tanto caso, que non terían tanto peso, mais crearían opinión e algúns teriámolas en conta á hora de mercar.

Comentarios