Obras eclipsadas

George Orwell. (Foto: AEP)
photo_camera George Orwell. (Foto: AEP)

UN FENÓMENO curioso nisto da literatura é o da fortuna dos autores pasados unha serie de anos. Técnicamente é o que se coñece como proceso de canonización, sen que isto implique outros milagres que os estéticos. Algúns dos meus lectores lembrarán a José María Gironella, autor de bestsellers innúmeros e gañador de todos os premios habidos e por haber. Actualmente, esquecido por todos (e por sorte). E pode un remontarse no tempo todo o que desexe.

Cando eu estudaba, estaba de moda argumentar que os bos libros (no estético) podían ter un gran éxito a nivel de lectores, como sucedera co ‘Quixote’. Semellante parvada foi discutida por min, de xeito impresionista, en ducias de charlas de café, ata que apareceu un día de 2005 a profesora Ofelia Rey e nunha conferencia na facultade de Humanidades puxo as cousas ben claras: o ‘Quixote’, como calquera obra complexa que se publique nun entorno culturalmente deprimido foi un fracaso de vendas e só sobreviviu como «fondo de libraría».

Pero hai un caso aínda máis atraínte, alomenos para min: o dos grandes escritores que se fan famosos por obras que nin se achegan a ser as mellores da súa produción. Este fenómeno sucede mesmo cos grandes xenios. Sen ir máis lonxe, Shakespeare. Case que todo o mundo coñece ‘Romeo e Xulieta’, unha obra que eu arrincaría páxina a páxina da miña edición de obras completas do bardo de Stratford. Sen chegar a ser tan violento, os lectores de Shakespeare convirán en que comparar a devandita obra con ‘Macbeth’ ou ‘Hamlet’ non ten moito sentido.

Con Shakespeare os lectores temos a sorte de que a súa obra está integramente traducida ao español (o galego terá que seguir a agardar). Pero noutros casos, as preferencias dun tradutor ou mesmo tradicións que non están relacionadas co literario fan que os lectores en español perdan a ocasión de disfrutar de obras verdadeiramente luminosas. É o que sucedeu con George Orwell e os seus ‘Ensayos’, publicados pola editorial Debate nun groso e esteticamente marabilloso tomo.

Orwell é para a meirande parte das persoas informadas o autor de ‘1984’, a obra da que nace o Gran Irmán e que en realidade non ten moito que ver coa merda televisiva e si coa sociedade da información e os discursos da corrección política. Nun segundo chanzo están aqueles que tamén coñecen ‘Rebelión en la granja’, a mellor fábula dende Esopo, sátira do estalinismo. E nun terceiro e minúsculo paso están os coñecedores de, por exemplo, ‘Homenaxe a Cataluña’, unha lembranza das súas experiencias na Guerra Civil como brigadista e militante anarquista.

O que sucede é que, o mesmo que Aldous Huxley, George Or- well foi un dos mellores ensaístas europeos da primeira metade do século. As traducións aquí compiladas estaban espalladas en distintas antoloxías e ao fundirse xeneran unha obra canónica. Pola pluma do Sr. Blair pasan dende o deostado oficio da crítica literaria (prometo pendurar no blog deste xornal o ensaio orwelliano sobre os supervendas e a crítica) ata as formas diversas para preparar o té. En plena Guerra Mundial, o seu ensaio sobre Inglaterra, un dos máis amplos da obra, equivale a unha enciclopedia da Albión, dende a política ata a lingua (e das dificultades dos ingleses para aprender español). Sempre con inxenio agudo e cunha habilidade estilística que mestura sinxeleza e exactitude e que mesmo se permite resumir nalgunha lista tam breve coma útil.

Non é frecuente que se poida dicir que a publicación dun libro contribúe a solventar unha inxustiza cultural, pero nesta ocasión é así. A mágoa é que o funcionamento do mercado literario, que Orwell describiu nos trinta, permaneza inalterado e condee a un ostracismo propio de Fidias a unha obra que ben podería sustituir nos anaqueis dos de vintemoitos a aqueles ‘1984’ que se mercaron grazas a Mercedes Milá e o seu pseudoexperimento sociolóxico.

Ensayos George Orwell

Editorial Debate

Páxinas 984 Prezo 39,90€

Comentarios