"A obra de Avelino é importante en cantidade pero tamén en calidade"

MARÍA GARCÍA JARTÍN. ENCARGADA DA ÁREA DE COMUNICACIÓN DA ASOCIACIÓN AVELINO DÍAZ ► A Xunta oficializou a modificación da denominación do colexio de Meira, que pasará a levar o nome de Avelino Díaz. Esta é só unha das metas cumpridas pola asociación na que participa María García e que avoga por un Día das Letras Galegas en 2017 para o Poeta de Meira
María García Jartín
photo_camera María García Jartín

A ASOCIACIÓN cultural Avelino Díaz vén de cumprir outro dos obxectivos que se marcou en xaneiro de 2013, cando se creou coa intención de dar a coñecer e espallar a vida e a obra do Poeta de Meira. Nesta ocasión, a Xunta oficializou hai escasos días a modificación na denominación do colexio meirego, unha nova que a moza María García Jartín, encargada da área de comunicación da asociación cultural, recibiu con especial ilusión, xa que foi o centro no que ela mesma se formou.

Como recibiron a noticia de que a Xunta aceptara o cambio polo que o Ceip de Meira pasará a chamarse Avelino Díaz?

Foi o propio director do centro o que nos confirmou a nova nunha reunión que mantivemos. Acollímola con moita alegría e satisfación. É un xeito de que os alumnos que pasen por este centro coñezan o poeta e o teñan sempre presente. Para min tamén é especial, xa que é o colexio no que me formei, e é unha honra que leve o nome de Avelino Díaz. O que me gustaría destacar e que isto non sería posible sen o apoio de toda a comunidade educativa. Estámoslles moi agradecidos aos pais, nais e a todos os docentes.

É un dos pasos máis importantes que conseguiron ata o de agora?

É un máis. Sobre todo porque traballamos en moitas áreas e xa conseguimos cousas moi importantes en case todas. Ademais, como dicía, o traballo que se está a facer dende os centros de Meira, tanto no instituto co club de lectura ‘Soños de papel’, coma no colexio, é o que fai que estes logros no eido educativo sexan tan destacables. Tanto ou máis que os que acadamos coa musicalización dos poemas de Avelino Díaz, co roteiro anual que celebramos dende A Hórrea ata Meira ou coa lectura de poemas en datas importantes.

"O cambio no nome do colexio non sería posible sen o apoio da comunidade educativa, á que lle estou agradecida"

Vostede que é a encargada da área de cultura da asociación Avelino Díaz, que cre que o fai merecedor de ser homenaxeado o 17 de maio?

Para empezar, os expertos en lingüística din que a obra de Avelino ten moita calidade. Pero non só é importante por iso, senón pola cantidade. A maiores das catro obras que chegou a publicar, súmanse poemas inéditos -en torno a 700-, ducias de artigos xornalísticos, obras de teatro e tamén poemas en italiano ou portugués. Cremos que a homenaxe polo 17 de maio merécea porque nos permitiría facer unha investigación máis rigorosa e nos axudaría a profundizar aínda máis na súa extensa obra.

Un dos obxectivos prioritarios da asociación é o recoñecemento nas Letras Galegas en 2017. Pero tendo en conta a proximidade das homenaxes a Díaz Castro e Manuel María, as opcións son limitadas?

Nós traballamos para difundir a obra dun poeta cercano, que ben pode traerse ao presente, que tivo que emigrar forzosamente, como o fan moitos mozos hoxe en día, pero non nos obsesionamos coas Letras Galegas. De feito alegrámonos moito tanto por Díaz Castro como por Manuel María. Pero nós imos presentar un bo traballo á Academia, e logo deberá ser ela a que decida que facer.

Se non se conseguise, dende a asociación deixan moito traballo feito. Cal deles elixiría?

Para min o máis importante é que neste proxecto están involucradas moitas persoas. O fermoso da nosa asociación é que é unha entidade de entidades, iso é para min o máis importante que conseguimos ata o de agora, a unión e o compromiso de ducias de persoas de diferentes ámbitos.

De non ser escollido pola Real Academia no 2017, teñen intención de seguir traballando?

Por suposto. Tanto se se consegue como se non, seguiremos traballando a prol da cultura e da lingua galega, que era ao fin o obxectivo polo que tamén loitaba o propio Avelino Díaz dende o seu exilio, de onde nunca puido regresar.

Cal é o proxecto máis importante no que traballan agora?

Grazas á colaboración da Fundación TIC gravamos un documental sobre a vida e a obra do poeta. O traballo está case finalizado, e aínda que non temos unha data, a estrea está próxima no tempo.

Algunha outra iniciativa?

Gustaríamos editar un CD cos poemas de Avelino Díaz que ducias de grupos de Meira e Riotorto foron musicando ao longo destes dous últimos anos. Tamén organizar unhas xornadas nas que se recorde a súa figura e, por suposto, estamos á espera do acto oficial no que se descubra a praca co novo nome do colexio de Meira.

Tamén estaba entre as súas intencións reeditar as obras do Poeta de Meira. En que punto se atopa?

É algo complicado porque Avelino fixo case toda a súa vida na emigración e tivo catro fillos que acabaron espallados por América adiante. Ogallá consigamos reeditar a obra. Pero pouco a pouco.

Comentarios