sábado. 06.06.2020 |
El tiempo
sábado. 06.06.2020
El tiempo

Obama e a saúde estadounidense

Para os europeos, resulta dificilmente comprensible o rexeite de moitos estadounidenses á cobertura sanitaria universal proposta por Obama que nós consideramos un elemento básico da cidadanía nun país desenvolvido. O sorprendente, ademais, é que o debate que se está producindo en EEUU arredor desta cuestión deriva por outros camiños, moi significadamente a defensa intransixente do individualismo fronte á solidariedade como valor ético indispensable na construción das sociedades modernas.

Todo sistema de protección social é custoso e en todos existe certo nivel de malgasto. Aínda sendo conscientes da elevada porcentaxe da renda nacional que consume, sobra xente que non se priva de abusar do sistema. Certo que a estas cousas hai que poñerlle remedio e a solución pasa, guste ou non, por fortalecer a corresponsabilidade no financiamento e na xestión, compartindo riscos. O que carece de sentido é dinamitar o sistema público ou deixalo afundirse negándose a introducir reformas nel simplemente porque hai quen se mofa da honestidade dos que non abusan.

A idealización do individualismo como signo de identidade do modus vivendi estadounidense, en clara oposición ao modelo europeo, constitúe hoxe un risco maior, e pese a formar parte dos propios mitos fundacionais do seu estado, como din algúns, é claro que a realidade impón outra forma de proceder, habilitando espazos que fagan de auténticos corredores, en verdade sanitarios, contra a degradación social. Os conservadores din que unha protección social excesiva mina a ética do traballo e o espírito do país. Con demasiadas vantaxes ninguén se esforzará, aseguran. Segundo esta lóxica, gozar de cobertura sanitaria levaríanos a enfermar por gusto e constantemente. Ese absurdo reforzase coa acusación de que a cobertura pública solaparía a capacidade de iniciativa dos individuos, un argumento que tamén defenden, con uñas e dentes e poucos escrúpulos, as compañías de seguros e laboratorios que viven tan ricamente deste lucrativo negocio.

Pero a cobertura sanitaria debe ser, preferentemente, unha prestación social e non un negocio lucrativo. Esa consideración debería levarnos a pensar que a saúde básica é unha obriga moral e por iso o Estado, responsable de preservar o interese xeral, debe liderar a implementación dun sistema de saúde universal. O presidente Obama debe implicarse a fondo na defensa desta opción, sen tirar a toalla, convencido de que America non deixará de ser americana porque os seus cidadáns conten cun seguro avalado polo sistema público. Os nacionalismos grandes teñen estes desvaríos, tan prexudiciais para a saúde.

Obama e a saúde estadounidense
Comentarios