O xogo das comparanzas

NESTES DÍAS que corren, tantas louvanzas adicadas aos políticos da transición están, sen dúbida, en relación co grao de desencanto co estado actual do país. O espectáculo que se vive é a todas luces deprimente e chama a unha grande rexeneración. Unha parte dese espírito de protesta estase a canalizar pola vía violenta; calquera ocasión é boa para queimar contedores de lixo e estragar escaparates. Un dos manifestantes encarapuchados denuncia na televisión o carácter criminal do sistema político e económico, xustificando a súa violencia. Sen chegar a estes extremos, moitos son os que pensan que é necesaria unha catarse, empezar de novo. No canto da simple limitación de mandatos, faríase un varrido xeral e prohibiríase a todo político en exercicio volver presentarse. Así, nun curto período de tempo teríamos unha nova clase dirixente, libre dos escándalos que nos asolagan. Pero o resultado non está garantido, queda a incerteza. Porque isto xa aconteceu nos países descolonizados despois da II Guerra Mundial, cando se retiraron os europeos do goberno, do exército e das empresas, e se promoveu unha nova remesa de cadros directivos. En algúns casos o experimento saldouse cun rotundo éxito, caso de Singapur. Pero son moitos outros os casos que remataron co fracaso máis absoluto. Se ben os antigos dirixentes coloniais tiñan o estigma da pouca empatía polo territorio que gobernaban, polo menos aportaban unha preparación técnica que os novos líderes non tiñan. Mesmo o feito de teren que cubrir tantos postos á vez propiciou a chegada ao poder de auténticos incompetentes, cando non de sanguinarios criminais. O resultado, por exemplo en África, está á vista, e ten como escaparate o que ocorre a cotío ante as alambradas de Ceuta e Melilla. Centos de miles, tal vez millóns, de persoas dispostas a morrer antes que malvivir na súa patria. En moitos casos veñen de países ricos en recursos naturais pero devastados pola violencia e a corrupción, non poucas veces auxiliados polos intereses descarados das multinacionais occidentais. Hai uns anos, o empresario sudanés Mo Ibrahim estableceu un premio para os mellores políticos africanos. Xa teñen sido galardoados dirixentes de países como Mozambique, Botswana e Cabo Verde, así como o venerado Nelson Mandela. Pero durante varios anos consecutivos tiveron que deixar o premio deserto. Recorrendo o continente de norte a sur e de leste a oeste non deron con un só personaxe que merecera a medalla. Triste situación a dun continente que ten tanto potencial de desenvolvemento. E triste tamén a situación dunha nación, España, que deu en parecerse a ese continente.

REBULIR

Comentarios