O xerme da trompa prende na Fonsagrada

A nova xeración de tocadores de trompa da Fonsagrada co seu profesor. (Foto: Xesús Ponte)
photo_camera A nova xeración de tocadores de trompa da Fonsagrada co seu profesor. (Foto: Xesús Ponte)

A trompa ten un son especial na Fonsagrada. Tocadores hai en todo o mundo, pero o instrumento encontra nesas montañas o seu hábitat natural, o escenario perfecto para conseguir o seu timbre, a acústica ideal forxada a golpe de auga e lume.

A trompa ou birimbao foi conservada nesta terra de ferreiros, que aprenderon de pais e avós a construir este instrumento enraizado nas forxas. Unha estrutura metálica dálle forma e unha lámina vibrante confírelle alma, pero só encontra una vía de expresión cando o tocador lle presta o seu corpo como caixa de resonancia. Entón a trompa fala.

PEQUENO FERREIROS
Construíron os seus propios instrumentos

As clases de trompa estiveron precedidas dun curso de forxa, tamén organizado polo Centro de Artesanía e Deseño, no que os pequenos puideron aprender a facer os instrumentos.

O ferreiro Oliverio Álvarez, un dos que conservou a técnica de construción, derrochou paciencia ata que cada un tivo a súa trompa. Mazar no ferro non foi ningún problema para os rapaces. «Foi moi divertido, a min encantoume e quero aprender a facer máis cousas na forxa», asegura unha das alumnas.

O INSTRUMENTO. Obra de ferreiros

Os ferreiros da Fonsagrada conservaron as mañas para facer as trompas e os nenos tiveron tamén ocasión de aprender. Moitos tocan con instrumentos feitos por eles mesmos..

A TÉCNICA. A postura é fundamental

A postura é fundamental na técnica do tocador de trompa. O instrumento non soa por si mesmo, necesita dunha caixa de resonancia que é a boca, o corpo do propio intérprete.

O SON. Un timbre singular

O timbre da trompa é moi singular. Os nenos da Fonsagrada conseguiron sacarlle son ao instrumento en poucos días e agora traballan para perfeccionalo.

Comentarios