O voo do carneiro

COMO SE SABE, hai moitos anos o filántropo Álvaro Gil depositou no Mueseo Provincial de Lugo un importante legado do que, ademais de obras pictóricas, forman parte destacadas pezas da ourivaria celta, e algunha outra a ela asociada quizais pola sinxela razón de formar parte do mesmo conxunto. Hai xa tempo que morreu o doador, e ainda que todo o mundo sabe aquilo de que o costume fai lei, a permanencia da colección no antigo convento de San Francisco (ampliado segundo proxecto do arquitecto galeguista Manuel Gómez Román), non obrou o miragre de converter o conxunto en propiedade pública. Algo por certo que non deberia estranar a ninguén, e tampouco á área de cultura da Deputación Provincial, que se resiste non só a prescindir da colección, senón a pagar a cantidade que os actuais propietarios esixen. Igualmente, calquera comprende que o altruismo e a filantropía non se transmiten, do mesmo xeito que as preferencias no gasto en materia de cultura, circulan por outros camiños e congostras, mais próximas ao que a propia adscripción partidaria dicta, ou o que é o mesmo, a entender como asisados verdadeiros dislates en investimentos inmobles, e como luxos orientais outros. Excusado é decir que esta última consideración é a que lles merece a colección Alvaro Gil, algo ao que mesmo nos poderiamos adscreber, de non mediar previas decisións vertoláns e caprichosas, respaldadas con fondos públicos tirados da mesma orixe orzamentaria.

Pero o último capítulo da xa longa negociación -do que sabemos cando estas liñas se escreben, a través dun solto periodistico-, é a tentación de rebaixar o prezo, prescindido de parte do lote, do que non interesa a pintura, ainda sendo algunhas de artistas galegos, nen tampouco o chamado Carneiro Alado de Ribadeo porque -seica-se atopou en dita ría, xa que ao parecer non ten vencellos coa provincia de Lugo. Para a familia propietaria o conxunto é indivisble, faltaria máis, pero para nós como sinxelos observadores é unha nova ocasión de criar o pasmo, ainda que non se trate de algo novidoso nen inédito na materia.

Resulta difícil saber qué opinión merecerian aos responsables da área cultural, o feito de que aparecesen en Ribadeo unha serie de retratos do pintor Kokoschka, coas suas formas expresionistas, tan alleas á provincia de Lugo como o é a pedra de Rosetta, ou as metopas do Partenón, á metrópole londinense, ou o altar de Pérgamo a Berlin. Iso aparte de que en materia de achádegos e orixes, a polémica sempre estivo á ode do día, como saben moi ben os asturianos que reivindican como propia a Diadema de Ribadeo. “O demo é vello, faite vello para poder entendelo”. Con isto e un pouco de renartería, houbo quen se preguntou se o problema do pequeno carneiro non sería o nome que leva aparellado, e non as exóticas filigranas alleas ao canon enxebre da provincia de Lugo, na definición preceptiva do departamento de cultura do ente provincial.

Comentarios