O viveiro dos futuros músicos

Ensaio da Banda Municipal de Ribadeo.
photo_camera Ensaio da Banda Municipal de Ribadeo.

Dende a súa creación, hai máis dun século, as bandas de música convertíronse nunha figura imprescindible nas festas populares. Non en van, en case todos os concellos da provincia chegou a formarse algún destes grupos e nalgún mesmo conviviron ao tempo dous ou tres distintos.

Logo dunha traxectoria marcada polos altibaixos, sobre todo por mor do progresivo despoboamento do rural, que fixo que case desaparecesen, estas formacións rexurdiron con forza nas últimas décadas cunha dobre utilidade: seguir entretendo como nas súas orixes e servir de viveiro de formación de moitas das persoas que hoxe se dedican de forma profesional á música.

O soberino Luis Guitián é unha desas persoas que foi quen de converter a súa afección no traballo co que se gaña a vida. Profesor no Conservatorio de Ferrol, empezou a tocar en 1976 na banda do seu concello natal e dende aquela segue estreitamente ligado a esa e a outras formacións como a Banda de Ourense.

Aínda que recoñece que a orixe destes grupos é «moi confuso, porque sempre houbo música nas aldeas e nas vilas», sinala que hai un consenso á hora de sinalar á de Sober como a decana destas formacións na provincia. Segundo apunta, xurdiu da man de Casimiro Pérez no ano 1869, con máis de vinte membros e «cunha orixe militar, como a maioría das que naceron naquela época».

Guitián, que dirixiu durante sete anos a formación hoxe liderada por Miguel Franqueiro, explica que o máximo esplendor das bandas viviuse nos anos vinte, «na época na que vivía máis xente nos núcleos rurais». «Na provincia chegou a haber máis de 50», subliña, e engade que moitas delas suspenderon a súa actividade durante a Guerra Civil e non volveron retomala. «A peor época foron os anos 60 e 70, pola emigración, pero nos anos 80 e 90 abriron moitas escolas municipais de música, que agora son os viveiros das bandas», explica.

Na actualidade, na provincia existe arredor dunha vintena de bandas en concellos como Monforte, Sober, Sarria, Chantada, Taboada, Paradela, As Nogais, Antas de Ulla, Palas, Monterroso, Lugo, Outeiro de Rei, A Pastoriza, Guitiriz, Vilalba, Meira, Ribadeo, Foz, Mondoñedo, Viveiro e Burela.

Actividade extraescolar
Guitián atribúe esa recuperación a que «a música volveu ser importante nos colexios como actividade extraescolar», aínda que recoñece que nos últimos tempos freouse esa tendencia pola irrupción doutras propostas coma os deportes ou as novas tecnoloxías. «As bandas seguen nutríndose dos rapaces que van ás escolas municipais, pero hai uns anos todos pasaban tamén pola banda e agora moitos xa non o fan», explica.

No entanto, cre que se trata dun fenómeno cíclico e, malia esa e outras dificultades como o despoboamento das vilas, «que é onde soen estar as bandas», confía en que «nunca van desaparecer, porque están moi arraigadas e xa se convertiron en imprescindibles na cultura galega».

Unha das bandas máis numerosas da provincia é a de Ribadeo, creada en 1992 e integrada por medio centenar de músicos. O seu director, David Ballester Martínez, explica que, como acontece noutras formacións, a maior parte dos seus integrantes son rapaces que están matriculados na escola municipal de música, de entre 12 e 17 anos de idade, aínda que tamén teñen compañeiros que superan os 60.

Os ensaios destas formacións resultan complexos polo seu gran número de compoñentes, segundo explica Ballester, que lembra que algúns deles estuda ou ben traballa fóra da súa vila natal. Iso fai que eses ensaios se programen para as fins de semana e que, aínda así, sexa case imposible xuntar neles a todos os músicos. «No noso caso, polo menos sempre contamos con todo o abano de instrumentos, se toda a xente que non pode vir tocase o mesmo sería moi complicado» matiza.

O director da Banda Municipal de Ribadeo explica que esa frecuencia nos ensaios aumenta nas tempadas vacacionais, que é tamén cando hai máis actuacións. Segundo di, normalmente os concertos fanse na vila de onde é o grupo, co gallo das citas festivas locais, e hai poucas saídas, que adoitan ser a festivais doutras bandas. Porén, destaca que o último verán a súa formación actuou con máis frecuencia noutros concellos grazas a un programa da área de cultura da Diputación de apoio ás bandas e a outros grupos tradicionais.

Financiamento
David Ballester recalca que as bandas requiren para subsistir do apoio das administracións públicas, xa sexan os concellos, as deputacións ou a Xunta. Nesta liña, subliña que sen a existencia das escolas municipais de música «sería totalmente imposible» manter a actividade das bandas, ao proporcionarlles non só un local de ensaio, senón tamén ao cederlles material necesario para o seu funcionamento.

Nesta liña, o director da Banda Municipal de Ribadeo explica que as axudas públicas se empregan en adquirir os instrumentos para a xente que comeza, porque «algúns son moi caros» e non os podería sufragar a banda co que se cobra polas actuacións nin coas achegas de asociacións como Amadores da Música, a entidade que impulsou a banda ribadense.

Un caso peculiar
Unha das bandas máis peculiares da provincia é a das Nogais, tanto polo seu tamaño -conta con pouco máis de 20 músicos, un cifra baixa para este tipo de grupos- como por funcionar sen apoio institucional dende a súa creación, en 1979. O seu coordinador, Alfonso Fernández, recorda que dende que o crego Anxo Eiriz creou a banda, sempre funcionou como «un grupo de amigos» e sen contar «con ningún tipo de axuda municipal». Segundo explica, iso fai que os músicos -moitos deles profesionais da música-, non cobren por tocar, senón que todos os cartos das actuacións «invístense en instrumentos» para os máis novos.

Neste senso, os propios compoñentes da banda imparten formación de forma altruísta a nenos das Nogais e de concellos limítrofes. «Chegamos a intentar crear unha escola, pero non fructificou pola falta de recursos», lamenta.

Para recalcar que o nexo que une os músicos é o da amizade, Alfonso Fernández relata como anécdota que, con motivo dalgunha actuación, un dos membros da banda que daquela estaba traballando en Sevilla viaxou ata As Nogais para tocar e despois volveu marchar a Andalucía. Tamén subliña que esa camaradería se reflicte nas actuacións: «Outras bandas tocan as súas pezas e vanse, nós quedamos todo o día de troula porque é como unha reunión de amigos».

Canteira de músicos
Amais de ter animado moitas celebracións ao longo de toda a provincia, outro dos grandes méritos das bandas é o de convertese nunha canteira de músicos que, co tempo, acaban en moitos casos traballando como docentes en escolas locais e conservatorios.

Así o subliña Luis Guitián, quen considera que esa formación que se adquire no seo das bandas compensa os problemas que sufren no día a día para saír adiante ou o que se cobra hoxe polas actuacións. «Cando empecei, por tocar pagábanche case 1.500 pesetas, e agora, 30 anos despois, danche 30 ou 40 euros», recalca.

Ante esa realidade, Alfonso Fernández non ten dúbidas sobre cal é o motor que move a todos os que se mergullan no mundo das bandas: «O amor pola música».

Menos pasodobres
O músico Luis Guitián sinala que o repertorio das bandas cambiou de forma significativa nas últimas décadas. Segundo explica, antes eran moi demandados os pasodobres, as pezas de zarzuela ou as cancións de compositores galegos. «As que máis se pedían era ‘Ponteareas’, ‘Airiños aires’ ou ‘El sitio de Zaragoza’, pero hoxe son case testimoniais nas actuacións, aínda que sempre hai algunha persoa que as pide», sinala, tralo que reivindica esa música de antano. «Case é unha vergoña ir a Lugo e non tocar temas de Gustavo Freire cando foi un dos directores máis importantes», di.

Música «estranxeira»
O que fora director da Banda Municipal de Sober apunta que agora o que se leva é a «música estranxeira», unha denominación na que se inclúen dende as sintonías de series de televisión e de películas ata as cancións típicas das big band americanas.

Comentarios