Sobrevivir entre a cinza

A fauna dos bosques e os animais domésticos padeceron tamén os efectos do lume ►Os ecosistemas dos montes galegos tardarán anos en recuperarse, pero nunca volverán ser o mesmo despois das lapas
Unha cadela leva na boca o cadáver da súa cría calcinado no incendio forestal producido da aldea de Chandebrito, en Nigrán
photo_camera Unha cadela leva na boca o cadáver da súa cría calcinado no incendio forestal producido da aldea de Chandebrito, en Nigrán

Cemiterios. Iso eran onte moitos dos montes galegos. A paisaxe negra despois da catástrofe incendiaria da xornada do pasado domingo é un lugar inhabitable para a fauna que habitualmente viven no monte galego. "O verdadeiramente grave dos incencios comeza agora, cando se apagan as lapas", explicaba este martes o voceiro de Amigos da Terra, Antón Lois.

As elevadas emisións de dióxido de carbono que provoca un incendio unido a que as árbores que poderían reter ese gas foron arrasadas polas lapas ou a falta de alimento e refuxio fan que moitos animais falezan despois dos incendios. "Ademais das vítimas humanas, hai tamén outras que non teñen prezo pero si teñen un valor incalculable", conta Lois. Deste xeito, nos próximos días os animais que habitan os bosques galegos que foron queimados pasarán por un proceso "terriblemente dramático" ao verse sen alimento.

Segundo extrapolacións calculadas polos expertos, un incendio que afecte a máis de 1.000 hectáreas acaba co 25% de toda a biodiversidade da fauna que existía. "Algunhas das especies poden fuxir, pero moitos mamíferos, anfibios ou reptís non son capaces de escapar pola velocidade coa que avanzan as lapas ou porque o seu propio instinto fainos meterse en madrigueiras, que é como se se meteran en fornos", explicaba Antón Lois.

"Algunhas das especies poden fuxir, pero moitos non son capaces de escapar pola velocidade das lapas ou porque o seu instinto fainos meterse en madrigueiras, que é como se se meteran en fornos"

Aos ecoloxistas preocúpanlles especialmente as poboacións de teixugos e doniñas, que non están en boa situación no que se refire á súa conservación. "Tamén é preocupante o que lle ocorra a moitas aves rapaces nocturnas porque, aínda que puideran salvarse do lume, agora non van ter alimento e os polos deste ano non atoparán presas para poder sobrevivir. Ademais, vaille afectar moito á poboación de anfibios e reptís, que actualmente se atopaban comezando o proceso de hibernación", explica Lois. Do mesmo xeito, as cinzas chegarán aos ríos e ao mar coas primeiras choivas fortes o que provocará, por un lado, a erosión do solo (ralentizando o proceso de rexenaración da flora) e, polo outro, a contaminación das augas. "Os anfibios van padecer os efectos desta polución de xeito continuado a partir de agora e van verse moi perxudicados", contou Lois. Ademais, coa contaminación das rías, os bancos marisqueiros e a poboación de bivalvos verase tamén afectada.

A tempada de caza acaba de comezar e, segundo explica Antón Lois, a actividade dos cazadores pode facer sufrir aínda máis ás especias que sofren estrés tras os incendios dos últimos lumes.

CAZA. "As especies cinexéticas están escapando dos montes queimados e instálanse en terreos do contorno. Agora mesmo eses animais son presas fáciles que acaban de fuxir dun incendio, por iso se debería limitar a actividade cinexética nas zonas afectadas polos lumes", contou Antón Lois.

Pola súa banda, o presidente da Federación de Caza en Pontevedra, Francisco Couselo, indicou este martes que "cada tecor (terreo cinexéticamente ordenado) ten uns cupos de caza que xa están establecidos". Aínda así, explicou que o presidente de cada un destes terreos pode decidir cambiar as condicións para a caza tras os incendios da pasada semana, pero non aclarou se ditos cambios se farán. Do mesmo xeito, Couselo indicou que, por lei, a actividade cinexética está prohibida durante tres anos nos lugares nos que houbo lumes. Porén, Couselo asegura que "loitaremos para que naqueles tecores onde a vexetación se rexenere antes se poida repoboar porque somos os máis interesados en que os ecosistemas se conserven".

Lois é máis presimista e apunta que os montes que arderon estes días nunca volverán ser como eran. "Serán bosques empobrecidos, que nunca recuperarán a biodiversidade de antes. Aínda que aparentemente nun ano volva haber vexetación, en moitos casos serán especias foráneas e invasoras que van empobrecendo o noso monte cada vez máis", conclúe Antón Lois.

Comentarios