O tute éche cousa de restaurantes

Asistentes á cea de clausura da Liga de tute da Terra Chá e gañadores (Foto: EP)
photo_camera Asistentes á cea de clausura da Liga de tute da Terra Chá e gañadores (Foto: EP)

Un bar, a casa dun amigo, o parque... calquera sitio é bo para botar unha partidiña de tute. Os campionatos deste popular xogo de cartas en bares ou restaurentes tamén están a orde do día, mais nunca se dera unha competición entre os propios establecementos ata que seis negocios da zona apostaron por crear a primeira Liga da Terra Chá, na que competiron un total de doce parellas.

Os pioneiros nesta singular batalla sobre o tapete foron os mesóns O Pozo de Meira e o Beiramiño de Xustás (Cospeito), o restaurante Río Lea de Castro, Casa Paca de Xermar (Cospeito), o bar Bautista de Cospeito e o asador O’Cabuxo de Muimenta (Cospeito), establecemento no que, elexido mediantes sorteo, se celebrou a cea de clausura do campionato e a entrega de trofeos ós gañadores do mesmo.

A dinámica desta primeira competición foi sinxela. Cada local competía con dúas parellas -que xogaron a título individual, non coma un equipo- nunha liga de todos contra todos a dúas voltas que contou con once xornadas. Cada unha destas xornadas, nas que os gañadores levaban os puntos correspondentes e os perdedores debían pagar a cea, disputábase en tres locais.

Vencedores

A competición estivo moi reñida ata a última xornada, á que ata catro parellas chegaron con opcións de facerse co título de campións desta primeira Liga da Terra Chá.

Os que conseguiron cantar finalmente ‘as 40’ e facerse cos 400 euros do primeiro premio foron Bendia e Iván, que representaban ó Beiramiño. Segundos quedaron Furada e Joselito, do asador O’Cabuxo, posto polo que recibiron unha recompensa de 200 euros.

Cada local achegou 100 euros para estes premios, mentres que os trofeos para os gañadores foron doados por Cafés Bou.

Comentarios