"O túnel non era moi longo, podíase camiñar, pero facía moito frío"

Juan Tojeiro
photo_camera Juan Tojeiro

Juan Tojeiro, veciño de Casavella (Xelgaiz), en Muras, ten 72 anos e aos 16 traballou unha tempada na mina de Carballás. «Pasei da escola á mina. Gustoume sempre traballar e daquela facían falta os cartos na casa. Era un traballo duro, pero había outros peores, como cavar no monte ou arrincar a leña. Tivemos moita perda de que se fosen e non se explotasen as minas. Ofrecéronnos ir a Asturias, pero non quixen. Había que deixar isto», comenta.

«Estiven cerca dun ano e contaban que en total se sacaría para un barco. Levaron algo para mostras e probas, pero quedou alí nun montón e o gando foino esparcindo», recorda. «Eu era dos máis novos. A calidade do ferro era boa, pero o problema era que había moi pouco e non compensaba. Na mina de Carballás fixemos dous túneles pequenos. Despois viñemos máis para arriba e fixemos outro túnel, na Armada de Rioseco, na pista que vai cara aos repetidores, que ese era máis estreito. Os outros non eran moi longos e podíase camiñar dentro sen problema».

«Perigoso non era. Sacabamos a lousa movida, primeiro dabámoslle co compresor para barrenar e logo con pico e pala», di Juan, que recorda que a empresa era Contrucciones Gobasa, de Asturias. «Á maza téñolle petado moito. Ao meu compañeiro gustáballe aguantar da barrena, porque podía estar sentado», di este veciño, que recorda o frío.

«Facía moito, había que ir moi abrigado da casa e os traxes de auga daquela non eran os de hoxe. Suabas moito e cando o sacabas estabas completamente mollado». «Aos 21, cando conseguín o carné de primeira, fun para a mili e tocoume a Marina, 20 meses e medio. Despois traballei un pouco na madeira e comprei unha carroceta», e compaxinouno co campo, o gando e os nove anos que traballou nunha empresa facendo liñas da luz. «Nunca volvín a unha mina», di, aínda que recoñece que intentou entrar na das Pontes. Na da Pena, antes, traballou o seu pai.

Comentarios