O TSXG condena á Xunta a pagarlle a Ribadeo a axuda no fogar de 2011

O Concello reclamou nos tribunais os recurtes que sufriu o servizo
Fernando Suárez
photo_camera Fernando Suárez

O alcalde ribadense, o nacionalista Fernando Suárez, informou sobre a sentenza favorable ao Concello que acaba de emitir o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) no que atinxe ao financiamento do servizo de axuda a domicilio. O fallo dictamina que a Xunta debe aboar os xuros e a cantidade pendente para financiar esta asistencia correspondente alomenos ao exercicio de 2011. Tralos recurtes sofridos aquel ano, o ente local presentara un recurso contencioso administrativo contra a Consellería de Traballo e Benestar.

«Tivemos coñecemento hai moi poucos días dunha sentenza favorable aos intereses do Concello de Ribadeo contra a Xunta de Galicia, a conta daquela redución drástica que nos fixeran nos recursos que nos aportaba aos servizos de axuda no fogar», relata o munícipe.

Trátase dun servizo de libre concorrencia que en Ribadeo atende aproximadamente a uns 80 usuarios e que lle custa as arcas locais 165.000 euros anuais.

A Xunta, nomeadamente a Consellería de Traballo e Benestar, tiña aportadas cantidades anuais para axudar a sufragar o servizo de asistencia domiciliaria, pero o montante foi diminuíndo.

Custes Asistencia domiciliaria, da que se benefician 80 persoas, cústalle ás arcas municipais 165.000 euros cada anualidade

«No ano 2010, a Xunta aportara tan só 43.000 euros e no 2011 baixou drasticamente esa cifra a 13.000», como precisa o alcalde nacionalista, quen engade que «no 2012 e ata agora o Goberno galego xa non volveu poñer un peso no servizo de axuda no fogar».

O alcalde amósase satisfeito porque: «No ano 2011, o Concello de Ribadeo, sentíndose inxustamente tratado, levou isto ante a xustiza, que hai poucos días acaba de darnos a razón», rubrica. Considera «un novo atentado sobre o que son os dereitos sociais» a redución nesta asistencia domiciliaria na súa modalidade básica.

Subvencións O Goberno galego pasou de aportar 43.000 euros en 2010 para manter os servizos a aboar 13.000 en 2011 e nada ata o de agora

A sentenza argumenta, segundo o alcalde, que «non respectaron as súas propias bases de convocatoria, onde se fixaba unha fórmula de reparto que modificaron unilateralmente sen posibilidade de que os concellos puideran opinar sobre este asunto», afirma.

Descoñece a suma exacta que a Xunta ten que devolver, porque «deben recalcular segundo a sentenza, pero vai ser superior ao que nos deron, máis os xuros, dende aquela data, por non ter aceptado dende o inicio que se trabucaron nas súas formulacións». Lembra que tamén poden estar equivocados respecto do xeriátrico.

Comentarios