"O traxe rexional ten futuro porque a xente cada vez ten máis interese"

Carmen López, artesá de Vilalba. Fala das súas creacións con orgullo e ilusiónase con cada novo encargo que recibe, algún chegado incluso do outro lado do Atlántico. Nestes días, en colaboración co Iescha, mostra no auditorio Carmen Estévez unha pequena representación do traballo realizado en 21 anos
Carmen López
photo_camera Carmen López

Leva dúas décadas vencellada ao mundo do corte e da confección, entre fíos, agullas e patróns que pouco a pouco foron dando paso a un taller do que, desde hai 15 anos, saen múltiples deseños de traxes rexionais con destinos e usos do máis diverso. Carmen López, barallesa de nacemento e vilalbesa de adopción, expón estes días e ata o 11 de xullo no auditorio municipal Carmen Estévez da capital chairega unha pequena representación de todos os traxes que pasaron polas súas mans.

Fai moitas mostras deste tipo?

As máis grandes que fixen foron, durante catro ou cinco anos, no Pazo de Congresos de Lugo con motivo do San Froilán e hai uns anos na Festa do Marisco do Grove, que naquela edición estivo dedicada ao traxe rexional. En Vilalba só se facían exposicións ao acabar os cursos que impartía. Pero destas características, esta é a primeira. Foi unha iniciativa do Iescha, ao que lle teño que dar as grazas por pensar en min para isto e por todo o que me axudaron e arrouparon, así como a Clara Naseiro, Ana, Rosa, Seve e Susa por colaborar conmigo na montaxe e á miña familia por apoiarme en todo momento.

Que destacaría da mostra que se pode ver no auditorio vilalbés?

Que hai un pouquiño de todo e poden verse todo tipo de traxes, como unha evolución do mesmo desde o século XIX ata o actual. Está composta por 22 traxes completos e varias bonecas e elementos de artesanía. Tamén están os traxes que presentei nos tres anos que participei no desfile Lucusmoda, unha réplica dunha parlamenta recuperada na casa do Paseo dos Condes e o traxe típico de Vilalba.

Despois de 20 anos de profesión, sabería dicir cantos traxes fixo?

Iso é tarefa imposible. Ás veces penso tentando recontar, pero é difícil. O que si, teño a descrición de todos e moitos no taller, porque ao ter a opción de aluguer, hai que ter moita variedade de medidas e estilos. Nesta exposición só hai unha pequena representación. En existencia terei sobre 200.

Canto pode levarlle confeccionar un traxe?

Un sinxelo, unha semana ou incluso tres días. Pero tamén pode levar ata un ano.

Como se inspira para deseñar?

O primeiro é saber o que quere o cliente. A medida que che vai dicindo e ti vas escoitando, chegas a unha conclusión. A partir de aí, faise un boceto, o deseño e, por último, a confección. Son moitas cousas a elixir, telas, bordados, estilo..., e ás veces precisas ata tres horas para concretar todo.

En canto aos encargos que recibe, de que tipo son?

O último, algo máis distinto, foi para unha graduación. Despois fixen para todo tipo de actos: vodas, bautizos, comuñóns, asociacións e bandas de gaitas, mostras folclóricas, desfiles, actos institucionais, e sen límite de idade.

E cal foi o pedido máis lonxano?

Enviei traxes a Estados Unidos e a Brasil.

E o máis complicado?

No difícil é onde me encontro a gusto. O cotidiano faise máis por rutina, pero cando é algo onde se xoga máis co deseño, a innovación ou a imaxinación, só desexas velo rematado. Por exemplo, para o Lucusmoda, tes que darlle máis á cabeza e facer algo que impacte, sempre respectando a tradición.

Como ve o futuro do traxe tradicional galego?

Penso que está evolucionando, porque a xente está cada vez máis interesada e porque se pon cada vez máis en actos. Por exemplo, en Vilalba cada ano se animan máis a saír con el no San Ramón.

Pódese falar de tendencias?

É algo que vai por zonas, pero estamos cada vez volvendo máis á tradición, a recuperar o traxe orixinal para posteriormente poder repoducilo, conservando a súa feitura e tecidos, porque ao final é do que se trata. Primeiro, a tradición, respectar o traxe. Despois, nos adornos pódese traballar máis con creatividade, por exemplo, nos bordados.

Forma parte da asociación Obradoiros Artesáns da Chá, que valoración fai desta iniciativa?

O principio é como todos os comezos, nos que non sabes ben como será, pero unha vez metido vas vendo e traballando e creando unhas espectativas sobre as cousas que se queren facer, como, por exemplo, levar a tradición aos colexios con talleres nos que amosamos no que traballamos. Eu xa fun a un e a experiencia foi moi positiva.

En que sentido?

No de ver os nenos con ilusión mentres lles explicas a elaboración dos traxes e as súas pezas, que eles sexan partícipes e toquen as cousas e vexan unha demostración do que ti fas. Todo serve para que valoren o que se pode facer coas mans, que é artesanía.

Comentarios