Con máis de 30 anos de historia, 210 socios e dous recentes campións de España, o club San Juan de Sarria mantén a esperanza de ver construída a galería de tiro, pese aos dous intentos frustrados de ubicación, e defende un deporte que define, ante todo, como «moi seguro».
máis de 40 anos practicando o tiro olímpico avalan ao presidente do club San Juan, Gonzalo Rodríguez, quen destaca desta modalidade o fomento da concentración e os valores de «convivencia e camaradería». Home dialogante, Rodríguez considera que «non se comprendeu ben o que se ía facer na galería de tiro» e anima a non desmoralizarse. «Afortunadamente hai canteira e hai futuro e iso danos ánimos a seguir», di.
Como recibiron a noticia do rexeitamento dos socios de Meigas e Trasgos á creación da galería de tiro nos terreos do colectivo?
Tiñamos a esperanza de que fora para adiante pero os socios prefiren ter aquel terreo á súa disposición, o cal é respectable e comprensible. Gustaríanos que a decisión fora outra, pero son soberanos e libres e non hai nada que obxectar. Agora hai que emprender a búsqueda doutra ubicación se é posible e non desanimarse.
En que consistía o convenio de colaboración que propoñían?
O que se pedía era que se autorizara a negociación de Meigas co Concello para establecer un convenio. Ó non haber esa autorización xa non se estableceron as condicións. En todo caso, ía ser unha instalación municipal, nunca do club de tiro San Juan. O club nunca ía ser propietario de nada, podería xestionar no seu caso pero a galería sempre ía depender do Concello.