O teu é puro teatro

Aló vai o marzo de declamacións cuberto. Pasou por marzo o Día da Poesía e tamén o Día do Teatro. E que é poesía, preguntaba Bécquer no seu día, cravando pupila sobre pupila, ao tempo que respostaba que poesía es ti.

Pola contra, Gustavo Pernas na pasada Gala dos María Casares foi menos poético e afirmou, sen vergoña, que os homes e as mulleres do teatro son fillos dunha puta e dun sacerdote. Faltoulle dicir que vivían nun cabaret.

Porque o teatro é perversión por ficar dentro de nós remoendo os intestinos, chegados a un certo punto, o teatro mesmo podería ser antisistema. Cantaba La Lupe que o teu era puro teatro...e como non ía ser, se xa os gregos representaban as súas realidades a través desta arte continuando así o espectáculo ata hoxe, amosando, sorprendentemente nestes tempos de crise, un aumento de espectadores no 2008 na Galiza.

Din que en tempos de crise económica tamén aumentan as vendas de pintabeizos: unha volta á seducción, aos instintos básicos e naturais, á sexualidade e, por que non, á pornografía. Tanto é así que o goberno de Berlusconi tivo a idea de aplicar unha porno-taxa a todo aquel material ou expresión con tintes pornográficos.

Para min o teatro ten a suá propia mirada ponográfica: convirte aos espectadores en voyeurs a gozar coa realidade reinventada, estereotipada, descarnada ou inocente e sempre esaxerada para golpearnos.

Iso é o que venden as compañías teatrais: a vida rodeada de artificio e, á vez, núa para que a observemos dende todos os recunchos posibles. Por iso gusta. Por iso pode chegar a ser antisistema. Por iso, por ofrecer realidades dende outro punto de vista, quixeron ultraxar a unha das máis sonadas salas deste país: a NASA. Por iso teñen todo o meu apoio, porque descubren outros universos paralelos que precisan de voz.

Comentarios