O tesouro escondido da ''montaña máxica''

A Ponte Vella domina A Proba de Navia
photo_camera A Ponte Vella domina A Proba de Navia

Municipio fronteirizo con Asturias e León e a unha hora escasa en coche de Lugo, Navia de Suarna é un dos tesouros escondidos da serra dos Ancares -«a montaña máxica de Galicia», segundo Manuel Rivas-. Un lugar que garda alicientes para os amantes da historia e da natureza, e tamén da gastronomía, na que a androlla, embutido que celebra a súa exaltación este domingo, é a raíña.

Comezamos o percorrido na recollida capital do municipio, A Proba de Navia, que emerxe como unha aparición entre Os Ancares. Nela destaca a espléndida Praza de Chao da Torre, formada polo castelo de Altamira e a Ponte Vella que cruza o río.

A data de construción do castelo é incerta, aínda que se teñen evidencias da súa existencia no ano 1037. Destruído pola revolta irmandiña en 1467, foi reedificado a posteriori polos condes de Altamira. Ao longo da historia, a súa pertenza foi pasando de man en man, sendo moitas as modificacións sofridas. De trazo poligonal, conserva parte das súas murallas e torreóns primitivos, con dúas portas a diferentes niveis.

Por riba do río álzase a fermosa ponte, que a tradición considera de orixe romana, aínda que é probablemente altomedieval. Feita en pizarra cun único arco apuntado e pavimento de lousa, a súa calzada abombada trataba de evitar na medida do posible as enchentes do río.

Sen alonxarnos demasiado da Pobra, a pouco máis dun kilómetro, paga a pena deterse na aldea de Barcia. A igrexa de San Miguel conserva unha ábsida románica que data do século XIII.

En Rao, a 22 kilómetros da Proba, temos outra mostra de arquitectura relixiosa na igrexa de Santa María, de nave rectangular e que conta cun presbiterio con bóveda redonda sobre catro arcos, que garda no interior un retablo maior do século XVIII e un lateral renacentista.

No tocante á arquitectura popular, unha das mostras máis características da zona -que atopamos no porto de Pan do Zarco, polo que pasa este ano a Volta a España- son os cortiños, que mostran o peso da apicultura na economía da zona. Trátanse de recintos murais levantados na montaña para protexer as colmeas do ataque dos animais salvaxes, especialmente dos osos.

Caza, pesca e recolleita

E se a riqueza arquitectónica é importante, a posibilidade de disfrutar da natureza e os seus froitos é outro dos valores de Navia de Suarna, Reserva da Biosfera. Coa presenza do Navia e os seus afluentes, como o Ser ou o Rao, a pesca atraeu tradicionalmente a moitos afeccionados, e a súa práctica segue a captar un tipo de turismo de importancia dentro do global do municipio.

O precioso Couto de Penamil, duns seis quilómetros e ó que se chega un pouco antes de alcanzar a capital, ou o de Navia, chaman a gozar dos praceres do sedal (e da troita). A temporada comeza o 18 de marzo, e remata o 31 de xullo.

A caza é outra das ofertas, sobre todo a maior. Os veciños apuntan que abundan os xabaríns e que a perdiz se está recuperando. Para quenes prefiran comer a cazar, a carne de batida soe acompañarse cunha exquisita guarnición de castañas, elemento fundamental na gastronomía da zona.

Os montes naviegos, que quizais botan de menos a desaparecida pita do monte -xa unha lenda da zona-, ofrecen unha boa oportunidade para os amantes dos cogomelos, pois poden atopar unha boa cantidade de boletus e níscalos.

Un bo número de restos conta a historia naviega

Apenas hai documentos que axuden a coñecer a historia de Navia de Suarna ata a época medieval, aínda que os abundantes restos históricos fálannos dunha ocupación antiga.

Atopamos, por exemplo, mámoas e dólmenes en Ferreirúa e Vilarpandín, e castros en Liñares, Monterrío ou Coedo.

Temos asimesmo pallozas, cabanas prerromanas nas que convivían animais e persoas e que estiveron en uso ate hai décadas, en lugares como Moia, Quinta ou Muñís.

Nas inmediacións de Abrente existen ademáis sepulturas medievais de mampostería, con cubertas de pizarra.

Revolta irmandiña

Cara o ano 1450, probablemente, os condes de Altamira accederon ao señorío da zona. En 1467 os campesiños do concello participaron ao lado dos fidalgos na revolta irmandiña, e a fortaleza de Navia foi unha das moitas destruídas, sendo reconstruida a posteriori.

A historia de Navia caracterízase tamén pola incidencia no século XIX do carlismo, ideoloxía tradicionalista coa que simpatizaron os fidalgos da zona, propietarios da maioría das riquezas por diante da Igrexa.

Despoboación

Na actualidade, Navia de Suarna encarna a loita desesperada da Galicia interior contra a despoboación.

Nos anos 20 do século XX, habitaban 8.026 persoas o concello, que alcanzaba o seu cumio demográfico; segundo o censo de 2006, actualmente hai 1.615, para unha superficie de 242 kilómetros cadrados.

O potencial natural da zona é propicio para a pesca e a caza, pero tamén para relaxarse e disfrutalo

Un pequeno paraíso do sendeirismo

Pasear polos lugares naturais de Navia de Suarna é un verdadeiro pracer, e hai moitas e variadas rutas de sendeirismo, aínda que non toda a riqueza está recollida na oferta do Concello. «Un dos lugares máis bonitos é a seimeira (fervenza) do Calexón de Coedo, que non está señalizada pero que é preciosa. Queda a uns oito kilómetros da Proba, indo pola estrada de Asturias, e non é difícil atopala», avisa un veciño. Os máis aventureiros poden informarse e procurala.

Ruta Val do Rao

No lugar de Río de Pé, onde conflúen o Navia e o Rao, comeza esta ruta, probablemente a máis demanda do municipio. Discorre por un longo percorrido de baixa e media montaña que nos anos 70 constituía a vía de comunicación para unha ducia de aldeas.

Unha delas é Envernallúas, xa abandoada e que mostra o despoboamento que sufre o municipio. Da poboación quedan restos das típicas pallozas ou hórreos. Profundizando no val, poden contemplarse elementos etnográficos coma os cortiños.

A ruta consta de 24 kilómetros e ten unha duración estimada de seis horas (sen interrupción), cunha dificultade media.

Ruta A Retorta

Parte do campo da feira da Proba, pasando por Vilarpandín e Freixís. Ten unha lonxitude de cinco kilómetros, cúbrese en dúas horas e ten unha dificultade media.

Esta ruta permite disfrutar de paisaxes de pequena e baixa montaña e dunha vexetación composta de carballos e castiñeiros.

Ruta Penedo da Forca

Iníciase tamén no campo da feira da capital e remata no mesmo núcleo, pasando por Vilarantón e a aldea de Barcia.

Con 3,2 kilómetros, leva hora e media e ten unha dificultade baixa.

Comentarios