O Tesón, principal asociación da vila, está a piques de disolverse

Despois de 13 anos de actividade, a directiva conmina aos asociados a seguir ou claudicar
Manifestación contra o proxecto dunha nave no peirao, organizada polo Tesón e a plataforma da ría
photo_camera Manifestación contra o proxecto dunha nave no peirao, organizada polo Tesón e a plataforma da ría

RIBADEO. A principal asociación de veciños ribadense, O Tesón, está a piques de disolverse. "Estamos en ‘stand by’", como sinala o seu secretario, Antonio Gregorio. A escasa participación dos 150 socios que ten na actualidade, leva á directiva a darlles un ultimátum: deben poñerse en contacto coa dirección para indicar se queren seguir e de que xeito, ou decidir se dan por cumprido o seu ciclo vital despois de 13 anos de traxectoria. Como xa puxeron á venda a lotería de Nadal, agardarán a que pasen esas datas para adoptar a decisión definitiva.

"De desaparecer, O Tesón faría un resumo dos trece anos da historia social e desprenderíase dos activos da sociedade, doándoos para maximizar o seu impacto social", avanzan. Obviamente non se trata só de cartos, senón sobre todo de documentación histórica, coma as cartas de navegación que elaborou o colectivo hai dous anos e que seguen á venda en librerías como a de Vivín. "Ser socio é algo máis que pagar unha cuota de dez euros ao ano. Hai que apoiar o que se fai, en lugar de desentenderse, porque para non participar é mellor destinar eses cartos a outra cousa", defende Gregorio.

O Tesón ten sido a principal asociación de veciños de Ribadeo, por todo o que ten acadado e por ser a canle entre a vecindade e as administracións. Chegou a mobilizar a centos de ribadenses para que acudiran á manifestación celebrada en 2012 en favor da residencia de anciáns, colaborando coa plataforma veciñal que reclama o centro. Ademais, xunto coa asociación pola defensa da ría de Ribadeo logrou en 2008 congregar a medio milleiro de persoas e a directivos de Greenpeace do Estado para impedir que Portos construira unha nave no peirao, que puidera ter perxudicado o ecosistema do estuario. O proxecto finalmente non se fixo.

Co seu impulso, constituíronse as mesas de asociacións, para trasladarlle cada ano as inquedanzas do pobo á alcaldía. Lograron plantexar rogos e preguntas despois de cada sesión plenaria; loitaron pola recuperación do patrimonio, tanto con visitas ao castro das Grobas como para conquerir que se repuxeran unhas antigas vidrieirias do cemiterio, destrozadas no transcurso dun obradoiro de emprego. Agora vixían que non se dane o faro cando se convirta en hotel. O seu presidente, Pancho Campos, fora tamén a Madrid en 2012 para entrevistarse co daquela ministro de Xustiza a tentar recuperar o xulgado para Ribadeo.

"O legado non se vai perder e Ribadeo segue necesitado deste tipo de movementos, pero ao mellor ten que ser doutro xeito, como facendo actividades só ante demandas concretas", matizan. A última asemblea foi o sábado 10.

Comentarios