Miércoles. 26.09.2018 |
El tiempo
Miércoles. 26.09.2018
El tiempo

O teleclub de Castro de Rei levará o nome de Xosé Manuel Carballo

Teleclub de Castro de Rei
Teleclub de Castro de Rei
O PP defenderá unha moción no próximo pleno con esta proposta e dende a oposición xa avanzaron que lles parece unha decisión atinada

O teleclub de Castro de Rei é o lugar escollido polo Concello para renderlle un tributo permanente á figura de Xosé Manuel Carballo Ferreiro. O epicentro cultural da capitalidade municipal parece ser o lugar máis acaído para lembrar a quen era Fillo Predilecto deste municipio chairego e, por iso, o equipo de goberno impulsa una iniciativa para pórlle o seu nome a este emblemático edificio.

Balado (PP): "Entendemos que é o lugar idóneo para dedicarlle, porque é un edificio destacado que ten fins culturais"

O alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, adiantou que o seu partido, o PP, xa rexistrou unha moción para levar esta proposición ao próximo pleno ordinario da corporación -fixado para o venres 10, ás 17.00 horas- na que se recolle esta proposta, que o rexedor confía que conte «co apoio unánime» dos concelleiros dos tres partidos con representación, PP, PSOE e BNG.

«Entedemos que é o lugar idóneo para dedicarllo a Xosé Manuel Carballo, porque se trata dun edificio destacado do municipio e que está dedicado a fins culturais», apunta Balado, precisando que, aínda que poderían ter escollido unha rúa ou calquera outra instalación, preferiron optar polo teleclub precisamente «pola vinculación del coa cultura e en recoñecemento ao seu gran labor como dinamizador».

Rodríguez (PSOE): "É de xustiza, porque sempre foi un refernte da vida cultural do concello"

O alcalde de Castro de Rei lembra que este edificio, utilizado polo propio Carballo en moitas ocasións, acolle numerosos actos de carácter social e cultural ao longo do ano, promovidos polo Concello, por entidades de Castro de Rei e incluso por outros colectivos, xa que os dous festivais organizados pola Federación de Asociacións (As FeAs), tiveron lugar ao seu carón.

«É unha dedicatoria ben merecida, coa que queremos facerlle un recoñecemento á súa figura», conclúe Balado, confiando no respaldo da oposición.

E non parece que vaia haber ningún problema para que a proposta dos populares prospere por unanimidade, posto que as voceiras dos dous partidos da oposición, PSOE e BNG, manifestaron o atinada que lles parece esta iniciativa.

«É de xustiza, porque Xosé Manuel Carballo sempre foi un referente da vida cultural do concello», asegurou a socialista Marisa Rodríguez Gigán nada máis coñecer a proposta.

Lagarón (BNG): "Carballo foi unha persoa que sempre se distinguiu polo seu apoio ao idioma e á cultura galega"

A nacionalista Digna Lagarón manifestouse na mesma liña: «O BNG vai apoiar que o teleclub de Castro de Rei leve o nome de Xosé Manuel Carballo porque foi unha persoa que sempre se distinguiu, e escenificou, o seu apoio ao idioma e á cultura galega». Engadiu ademais que é «merecente» de que un centro cultural leve o seu nome, especialmente o que el mesmo usou en reiteradas ocasións para os seus actos.

Esta é a primeira homenaxe que se concreta tralo pasamento do polifacético cura de Goberno, mais non será a única. Tanto o grupo de música e baile tradicional Os Valuros coma o grupo de teatro Os Baluros xa avanzaron a súa idea de renderlle tributo a unha peza clave da cultura chairega. Outros amigos de Carballo tamén están a preparar homenaxes na súa memoria.

O teleclub de Castro de Rei levará o nome de Xosé Manuel Carballo
Comentarios