O sorriso de Ernesto Cardenal

A pucha negra sobre o sorriso limpo. E máis abaixo a barba de avó bondadoso. Inmaculadamente branca. Sacerdote e poeta de sona, referente da teoloxía da liberación, candidato dúas veces ó Premio Nobel de Literatura. Oitenta e tres anos. Ernesto Cardenal.

E un país centroamericano, Nicaragua. Onde o terremoto de 1972 e o furacán Mitch aínda manteñen abertas as feridas da terra, da dor, da desesperanza. Creado como un xardín do Edén acabou convertido na cova de Alí Babá e os corenta ladróns. Nun reconto rápido aparece a saga depredadora dos Somoza Tacho e Tachito, o expresidente gordo e ladrón Arnoldo Alemán. E agora un excomandante exsandinista acusado de querer implantar a enésima ditadura familiar enmarcada na corrupción: Daniel Ortega e a súa dona Rosario Murillo.

Unha xeografía espléndida como escenario do teatro onde se moven estes personaxes sinistros. E no medio, un sacerdote poeta coa infinita decencia dos seus oitenta e tres anos a carón dos máis empobrecidos, nunha teimuda loita a favor da xustiza. Ademais de se enfrontar ó novo tirano, Ernesto Cardenal ten outros ‘pecados’. A saber: foi ministro de Cultura do goberno nicaraguano, soportou coa humildade dos xeonllos e a dozura do sorriso o implacable dedo acusador do Papa anterior, e tivo a inmensa ousadía de ensinar a ler con poemas ós labregos analfabetos do arquipélago de Solentiname.

En fronte, Daniel Ortega, indigno do seu pasado, demagogo e traidor a un pobo que o adoraba coa mesma paixón coa que agora o despreza. As acusacións por inxurias, as ameazas de cárcel son represalias pola actitude crítica de Ernesto Cardenal contra os abusos do poder, contra os excesos do excomandante exsandinista, que empezou de revolucionario incendiario e rematou como cobizoso bombeiro, que diría Pitigrilli.

Daquela, soan obscenos os versos opulentos dun Rubén Darío nunha xeografía de déspotas. Tentan silenciar a voz limpa e apaixonada deste ancián bo e xeneroso que escribe versos como coitelos e que se enfronta ó presidente Daniel Ortega armado da palabras.

Escritor recoñecido e poeta. O  ‘Evanxeo de Solentiname’, os seus ‘Salmos’ doces e terribles, ou a ‘Homenaxe ós Indios Americanos’ son obras dun escritor que está a xerar un clamor mundial de solidariedade. Porque ningún país pode ser libre se encarcela a palabra,
se mete na cadea a poesía. E mentres, Nicaragua tenta sobrevivir entre os escombros dos furacáns da corrupción política e das desfeitas dos terremotos da rapina económica, da persecución implacable do presidente Ortega contra Ernesto Cardenal que o critica sen piedade. Pouco se pode esperar dunha xustiza que evitou a rendición de contas e mesmo declarou prescritos os cargos por violación contra a fillastra adolescente.

O sorriso limpo de Ernesto Cardenal está entretecido de canas e versos. E dos berros da palabra contra o palacio presidencial de Nicaragua onde, desde hai tantísimos lustros, habitan os canallas.

Comentarios