''O soño que máis se repite é actuar en Lugo, ¡en 30 anos só fun unha vez!''

Foto: <a href='http://suerainbow.wix.com/photo'>SUE RAINBLOW</a>
photo_camera Foto: <a href='http://suerainbow.wix.com/photo'>SUE RAINBLOW</a>

Televisión, cine, teatro, dobraxe e publicidade. Luís Iglesia é un actor no máis amplo sentido da palabra

1. ¿Que e o que máis lle gusta e lle desgusta do seu traballo?

Se un ama o que fai, e é o meu caso, debe aceptalo todo. Non hai virtude sen defecto, nin camiños de rosas sen espiñas.

2. Se volvese empezar, dedicaríase a...

Ao mesmo, foi o meu soño dende os sete anos e aínda non o conseguín... De maior quero ser actor.

3. O soño que máis se repite é...

Que vou actuar a Lugo. En case 30 anos de oficio só fun unha vez á cidade na que empecei a relacionarme coa interpretación e a facer teatro amateur. O ano pasado ‘Gaivotas subterráneas’ quedou, de tódalas grandes cidades galegas, só en Lugo sen representarse. En fin, un soño recurrente. ¿Alguén con sensibilidade cultural nese concello?

4. ¿Estraña algo do que foi deixando atrás?

Tampouco son moito de extrañar. Hai que aprender do vivido, pero non deixar que sexa un lastre.

5. ¿A quen admira?

Á xente que se ergue tódolos días e que, a pesar de que os machacan dende tódolos lados, teñen forza e humor para loitar. Aos que dan sen esperar nada a cambio, aos que che sorrín porque si, a todos os que amosan a súa rebeldía diante do establecido... á xente do común, que é onde hai vida.

6. ¿Hai algo do que se arrepinta que se poida contar?

Non. Son froito dos meus acertos pero, sobre todo, dos meus erros. Se aprendín algo deles, ¡moito é! Se fixen algo incorrecto foi o que sabía naquel momento, ¿de que serve arrepentirse?

7. ¿Que cita subscribiría?

Unha que lle escoitei ao músico Xabier Díaz, pero que non sei se é del: «Hai que ser orgulloso na humildade, e humilde no orgullo».

8. ¿Cal foi o capricho máis caro que mercou?

A miña guitarra eléctrica, que non chegou aos 500 euros, e que agora me axuda a gañarme a vida.

9. Unha toleada que fixera por amor...

Se algo que fas por amor o consideras unha toleada... non estabas suficientemente namorado. Cando un fai as cousas por amor parécenlle o normal, e todo é pouco.

10. ¿Envéxalle algo ao outro sexo?

Admiro, e seguramente envexo, a capacidade de ver os problemas dende perspectivas distintas.

11. ¿Que libro ten enriba da mesiña de noite?

‘As voces baixas’, de Manuel Rivas, e un par de ensaios sobre interpretación e guión.

12. Non sae da casa sen...

O pantalón [ri], porque o demais son quen de esquecelo todo.

13. ¿Que pecados capitais desculpa?

Ese é un invento que non comparto, nada desa lista é desaconsellable se se fai con moderación. Pero ata as virtudes poden ser un defecto cando son en exceso.

14. Unha prenda que desteste.

Uns pantalóns de franela que tiña de neno, que picaban. ¡Tívolles que poñer un forro a miña tía Marina para que os aguantase!

15. As súas mellores vacacións.

Teño gozado moito en Lisboa, e nalgún balneario de Ourense.

16. A súa viaxe soñada sería a...

O importante non é o onde, senón con quen.

17. ¿E a súa materia pendente?

Ter tesón para aprender a tocar algún instrumento a xeito.

«MATALOBOS FOI PARA MIN UN AGASALLO»

1. Actor, pero tamén un galán da pantalla, ¿canto tempo lle dedica a diario a súa imaxe?

Lévame uns 40 minutos prepararme pola mañá, pero non é porque me remire moito, é que polas mañás vou como as iguanas sen sol: ¡leeento!

2. Como actor de dobraxe prestou a súa voz a figuras como Harrison Ford, Paul Newman ou Robert de Niro. ¿Con cal se identificou máis?

Sempre me gustou especialmente Paul Newman, pero non porque o considere mellor ou peor actor, senón porque me parecía un tipo sensato, humilde, intelixente...

3. Cunha carreira tan dilatada, ¿moléstalle que o sigan asociando tanto con Carmelo Matalobos?

Ese personaxe foi un agasallo inmenso e ninguén me quita o orgullo de telo interpretado e do cariño que en nós depositou, e deposita, o público.

4. Cando se aparta da luz dos focos, ¿escapa algunha vez ao seu Riotorto?

Por desgraza non hai que escapar, botamos máis tempo buscando focos que traballando. Querería ir máis, pero algo vou, e estou orgulloso da miña xente e de ser de onde son.

Comentarios