Ó son dos tambores

Compoñentes do grupo Bloquinho de Xermolos (Foto: C.Pérez)
photo_camera Compoñentes do grupo Bloquinho de Xermolos (Foto: C.Pérez)

Eles son Sara, Eva, Laura, Sara Comba, Bea, Kamy, Xose, Tony, Roberto, Dani, Santi e Mou, un grupo de veciños e amigos de Guitiriz e de Teixeiro que uniron forzar para darlle forma ó primeiro conxunto de percusión do municipio. Eles son Bloquinho de Xermolos.

Chámanse Bloquinho para identificarse cun estilo musical «alegre, para pasalo ben», e levan no apelido á asociación cultural Xermolos en agradecemento ó apoio que ésta lles está a prestar para posibilitar a creación do grupo. «Pedímoslle axuda e apoiounos en todo. Mercou os instrumentos, ofreceunos un lugar onde ensaiar», explican dende o grupo.

Aínda que a idea xurdiu nunha conversa entre dúas das integrantes do grupo hai xa meses e se foi transmitindo boca a orella na procura de músicos, non se materializou ata hai unhas semanas, cando tiveron os instrumentos na man -catro surdos, unha caixa, tres tamboriles, dous timbaus, dous agogós, un chocallo, dous repeniques, baquetas, mazas- e puideron comezar a facelos soar.

Dos doce membros do grupo, algúns xa teñen experiencias musicais previas e incluso hai varios que tocan na banda municipal, pero todos se enfrontan a un estilo totalmente diferente ó que están acostumados, polo que decidiron contratar os servizos dun mestre que os conduza polo bo camiño, e ese é Roi, percusionista do grupo folk Quempallou, quen lles está a impartir unha longa clase cada 15 días.

«Estas sesións sérvennos para iniciarnos, porque partimos de cero», explican, e engaden «estanos a ensinar os ritmos tradicionais de Brasil». Así, aínda que puntualizan que se podería tocar practicamente de todo, eles están a experimentar con distintos tipos de samba: bahía, enredo, de río, reggae...

«Son ritmos moi animados·» sinalan, un aspecto que coincide perfectamente cos desexos deste grupo que se decantou por esta modalidade musical «porque nos gustaba e non é común, nesta zona non había ningún grupo así e, ademais, dá subidón», din.

Á espera de presentar a súa propia páxina web, que se atopa en proceso de deseño, xa teñen un grupo no facebook e están máis que dispostos a acudir a onde os chamen para amosar o seu bo facer. De momento, ensaian os sábados na reitoral de Santa Mariña e este venres tomarán contacto co público no pub Xoldra de Guititiz. E, por suposto, agardan polo Festival de Pardiñas.

Comentarios