''El sistema educativo es 'burrocracia': mucho papeleo y desprecio a la enseñanza''

Mestre e amante e erudito da natureza, José Manuel Espiño Meilán vén de publicar a súa terceira novela

1. ¿Que é o que máis lle gusta e lle desgusta do seu traballo?

Gústanme as ilusións dos rapaces, a súa capacidade para adaptarse a novas situacións. Desgústame un sistema de ensino baseado na ‘burrocracia’: moito papeleo e escasa valoración do proceso de ensino.

2. Se volvese empezar, dedicaríase a...

Ao ensino, sen dúbida algunha.

3. O soño que máis se repite é...

A utopía dunha sociedade máis xusta.

4. ¿Estraña algo do que foi deixando atrás?

A forza da xuventude e a confianza nos seres humanos.

5. ¿A quen admira?

A todas aquelas persoas que non só miran para o seu embigo.

6. ¿Hai algo do que se arrepinta que se poida contar?

Nada, hai que ser consecuentes.

7. ¿Votou nas últimas eleccións?

Si.

8. ¿Atrévese a dicir a quen?

Claro: a un partido que defendía os dereitos dos doutros seres vivos e dos espazos que habitan. Dos seres humanos xa se encargan os partidos grandes, que nos pagan coas mesmas mentiras que nós proclamamos, e por enriba estrañámonos.

9. ¿Que cita subscribiría?

Unha coa que inicio o meu libro: «Viajar es curiosidad más que desplazamiento: partir o regresar no deja de ser una ficción», de Román Morales, un aventureiro tinerfeño.

10. ¿Que coche ten?

Un todoterreo. Permíteme traer froitas e verduras directamente dos agricultores ecolóxicos e ir ás aldeas e compartir con eles vivencias e recordos.

11. ¿Cal foi o capricho máis caro que mercou?

Unha viaxe para recorrer a pé, en piragua e sobre xeo, os parques nacionais de Noruega.

12. ¿Cal é o seu ben material máis prezado?

A miña mochila e un par de bastóns de camiñar.

13. Unha toleada que fixera por amor...

Deixar o traballo e converterme en trotamundos.

14. ¿Envéxalle algo ao outro sexo?

A súa capacidade de amar.

15. ¿ Que libro ten enriba da mesiña de noite?

Dous: ‘Nieve’, de Orhan Pamuk, e ‘El libro de un hombre solo’, de Gao Xingjian.

16. Non sae da casa sen...

Un sorriso na cara e unha canción nos beizos. Tras 37 anos de docencia, alégrame que os rapaces me sorprendan cantando polos corredores do instituto.

17. ¿Que pecados capitais desculpa?

A luxuria... e a templanza, ¡son galego!

18. Algo que nunca falte na súa neveira.

Un viño albariño e verduras.

19. Pérdeo un bo...

‘Pateo’, o meu vicio é camiñar.

20. As súas mellores vacacións foron...

Cos meus fillos pequenos, recorrendo o norte, acampando a carón de ríos e entre montañas.

21. A súa viaxe soñada sería a...

Irme cunha mochila polas míticas terras celtas, mollarme, perderme entre néboas e cantar á calor da amizade e da augardente.

22. ¿E a súa materia pendente?

De novo cunha mochila, unir Roma con Santiago.

«GLOBALIZAR LEVOUNOS Á DEPENDENCIA»

1. A súa novela ‘Un centenar de lagartos’ é un canto á natureza dirixido a un público novo. ¿Que efecto busca neses lectores?

Un achegamento ao medio natural, ás raíces da vida, espertar esperanzas, mitigar agobios, desmitificar o poder dos obxectos inútiles para conseguir a felicidade.

2. Asocia o endemismo cos hábitos saudables. ¿Deberiamos volver ás orixes nun mundo tan globalizado como o actual?

O que é da terra dá equilibrio, riqueza, pracer e alegría de vivir. A globalización é unha toleada ben amañada que nos levou á dependencia total.

3. Lucense amante da natureza que vive fóra, ¿atopou paisaxes que superen aos galegos?

Ningunha paisaxe supera a outra. Mentres paleo en piragua polo mar de Canarias penso na miña irmá que estará ‘pateando’ a montaña lucense. A diversidade enriquece.

4. ¿Que o atrapou nesas illas hai 40 para que o billete fose só de ida?

Nestes anos houbo tamén centos de voltas, pero é certo que me atrapou algo especial: a capacidade das illas de ser un continente en miniatura.

Comentarios