O síndrome de Castroforte

Un cordial requerimento obríganos a unha explicación sobre o titular da última entrega desta columna, e o certo é que nos foi indicado como unha retranca engadida ás que xa contiña o texto. Falábamos de ‘la roja’, o nome popular da selección española de fútbol, e tal cousa dou orixe á suxestión, pensando na novela de Stendhal ‘Rojo y negro’, con versión en galego desde hai anos: ‘Vermello e negro’. O caso é que, ben mirado, a relación vai máis máis aló dun xogo de palabras. Todo o mundo sabe que cando algunhas persoas son submetidas a unha alta dose de beleza e perfección artística, poden resultar afectadas por trastornos e alucinacións de tipo psicosomático: o síndrome de Stendhal. O nome procede do escritor Henri-Marie Beyle, que asinaba Stendhal e que describiu a experiencia que lle causou unha visita á igrexa da Santa Croce, en Florencia. Pois ben, tal fenómeno foi utilizado, con moita habilidade e extraordinario bon gosto, no anuncio dun sonado modelo automobilístico da casa Audi, e iso trae relación con outro dos aspectos da referida columna: o das denominacións ofensivas ou vulgares utilizadas por algunhas marcas.

Mais o titular de hoxe está tirado da novela de Gonzalo Torrente Ballester ‘La saga/fuga de J.B.’. Nela, a cidade de Castroforte del Baralla, en días de néboa chegaba a levitar, a elevarse do chan cada vez que os seus habitantes daban en ensimismarse por algunha causa, non sempre importante, ou asumir colectivamente calquer obxectivo. Daquela a vila erguíase e quedaba fóra do mapa e da burocracia oficial. E de ahí que, como unha paráfrase do síndrome de Stendhal poidamos falar do efecto ou do síndrome Castroforte. Ou sexa, deixarse engaiolar, ou deslumbrar, ou distrair, non pola arte ou a beleza, ou as causas trascendentais, senón por futilidades e volallas pasaxeiras.

Moitas veces nos preguntamos por eses momentos de alleamento, ou atordoamento colectivo, no noso país, ou nas suas comarcas vila e cidades. Desde os enfrontamentos case históricos entre os principais burgos, até as guerras de lindes nas aldeas. E tamén polos resultados, concretados na proliferación innecesaria e pouco rendible de infraestruturas altamente costosas, na reiteración de institucións educativas e, xa a outro nivel, nas pistas que non conducen a ningures e nos alumeados públicos que lucen en lugares recónditos e sen habitantes. Pero quizais o exemplo que mellor ilustra a diferenza que hai entre os dous síndromes, isto é o real de Stendhal e o metafórico de Castroforte, sitúase aló nos confins de Galiza, en Fisterra: o orixinal e premiado cemiterio do arquitecto César Portela segue sen ocuparse porque, a pesar de compatibilizar natureza e arquitectura e inspirarse en elementos tradicionais, no canto de producir esas altas doses de emoción, subscita no vecindario un rexeitamento case total, unha rara unanimidade sen dúbida froito da néboa e das outras características xa aludidas.

Comentarios