José Mondelo: ''O sexo adquiriu un grao de complicación ridículo ás veces''

José Mondelo.
photo_camera José Mondelo.

O escritor José Mondelo, lucense de Peites (Quiroga) e de idade indeterminada -«podes poñer que máis de 20», di, quizais con coqueteira- volve ao panorama literario co libro ‘Ni junio en París’, unha novela a cachos brutal, e case sempre cáustica e perturbadora.

‘Ni junio en parís’ chega despois do ‘bestseller’ que para Mondelo supuxo ‘Hay que matar a los padres (una propuesta razonada)’. Nun cambio de rexistro, este autor que lamenta a segregación entre «escritor rico e escritor pobre, cuxos libros non chegan fisicamente ás grandes librarías», arrisca cunha obra na que retrata unha sociedade brutal e bruta, suxa e criminal cun fío condutor: o sexo e as formas que adopta.

Aínda que non quede ben empezar por min, teño que dicirlle que a súa novela me trouxo un pouco trastornada

A ver, en Galicia hai dous millóns de persoas e iso supón dous mi- llóns de reaccións en potencia. Iso é como o das opinións. Cada un ten a súa. Por exemplo, hai un personaxe co que hai xente que ve un discurso machista e unha rapaza dixo que nunha vira un resumo tan ben feito da manipulación da muller por parte do home.

Non é autor que se prodigue nos medios. É por iso que na obra nos pon finos aos xornalistas?

Non, non... (risos).

Ponnos finos aos medios, aos políticos, á clase media...

(Risos). Non, é que os periodistas estades ‘autoarrodeados’ dunha autoaurea, que calquera crítica... A prensa, como todo, ten cousas positivas e cousas negativas... Entón, no papel social, pois igual, como facer que o negativo sexa noticia.

A parte na que o autor que aparece na narración fai unha investigación sofre o tráfico de menores para a explotación sexual... Esa parte é real? As personaxes son reais?

Si, en liñas xerais si que é real. Non son as mismas situacións nen as memas procedencias. Verbecque non é sardo nin eu estiven en Capri, pero si é real.

Temos evolucionado tan pouco?

Que temos evolucionado pouco iso é unha evidencia. O home non é un ser racional, é un ser emocional. Cando a razón e a emoción se enfrontan case sempre gaña a emoción. Por iso os políticos populistas nunca apelan á razón, porque coa razón é difícil convencer... Pero somos seres básicos uns máis que outros.

Cal diría que a tese do libro? O sexo que move o mundo, ou poder nun sentido moi amplo, xa que o sexo é unha forma de poder?

O mundo móveno moitas cousas. O sexo é unha desas cousas primordiais do home e da muller. Unha enorme cantidade de enerxía vital emprégase no sexo, nas distintas formas de sexo, dende o sublimado do amor para facer unha relación, unha reprodución; é unha cousa vital. En realidade, o principal no subconsciente humano dun home é a reprodución. A reprodución como medio de perpetuación, sobre o desexo de non morrer. De tódolos xeitos, a novela é un xogo literario.

O autor que aparece no libro, cando fala coa personaxe de Rafa Soutullo, di que está a escribir un libro pornográfico. É este un libro pornográfico sexual ou social?

Iso levaríanos á definición de que é pornografía, que é unha definición coas súas variables. Se a entendemos nun sentido burgués, de discurso elegante... Basicamente non é un libro pornográfico, como tampouco erótico. É un retrato do grao de desquiciamento ao que diversas formas de represión do sexo fixeron que o sexo, que tiña que ser unha cousa completamente natural, como comer se tes fame, adquirise un grao de complicación que ás veces vai da paranoia a formas completamente histéricas ou ridículas.

De feito aparecen pasaxes nos que ridiculiza a personaxes que falan case rimando durante o acto sexual.

Si. Se ti tes fame e non tes comida, tes que empezar a facer un xogo de imaxinación. O problema do sexo, tanto individual como colectivamente, é que é difícil encontrarlle un equilibrio. Á xente cústalle moito. Ti podes estar falando cunha rapaza e podes estar pensando que che gostaría deitarte con ela, pero non se pode prantexar directamente, en condicións sociais normais; senón que a sociedade obriga a que haxa unha especie de convencionalismos para chegar a un acordo.

Como di no libro, somos todas tan putas e todos tan puteros?

Referido a qué?

Supoño que á sociedade, en xeral.

Iso depende da idade tamén. Non é o mesmo unha carga hormonal que 15 anos que unha carga hormonal de 35.

E a todo isto, o amor onde queda? Parécelle algo ‘repipi’?

(Risos) É que na novela non existe.

Pero hai personaxes como o de Patty, a lesbiana, que si está namorada.

Si, claro, pero é a única personaxe que aparece namorada. E tamén Beti, que está namorada de Piq. Pero na miña novela, practicamente o amor non existe. De tódolos xeitos, teño que dicir que o meu próximo proxecto é escribir unha novela romántica atípica.

Está ironizando?

Non. As miñas obras son completamente diferentes. Cando eu empecei a escribir alguén me dixo: «Se queres ser un escritor con éxito, escribe sempre a mesma novela». Porque entón a xente sabe o que se vai atopar e compran os libros antes de que se editen. Pero cando escribes libros diferentes, cada libro ten que atoparse cos seus propios lectores.

E xa está metido nese proxecto?

Non... pero é unha historia romántica atípica. É unha historia de amor atípica entre dúas persoas que nun principio non se van poder amar.

Unha desgraza...

É un concepto filosófico sobre o amor. A min o que me gustaría é escribir novela filosófica, que é a auténtica novela.

E non o fai por...

Porque é unha cousa moi complicada.... (risos).... De feito, ‘Ni junio en París’ pódese ver de moitas maneiras.

Aborrece a normalidade?

A literatura neste momento ten un problema comercial que é que están desparecendo os editores, que están sendo substituídos polos mercaderes, aos que lles dá o mesmo a calidade literaria que non. Pola parte dos creadores, lamentablemente, a literatura está quedando en mans dos profesores e dos periodistas. Poderíamos preguntarnos onde están os François Villon de antano.

Na parte da investigación, sobre o tráfico de menores para o sexo, que realmente é moi dura, dicir que a xente se escandaliza de xeito hipócrita, non é moito dicir?

Á sociedade gústalle moito iso a imaxe de señores mafiosos. En países como España, a pederastia que se fai con nenos de 2 a 5 anos con relacions sexuais leves, é dicir, de tocamentos, de pornografía e tal, na maioría dos casos, eses nenos non se conseguen por mafias, senón a través dos pais ou familiares cercanos, por pasta. Como a paternidade está mitificada, pois a sociedade queda máis tranquila dicindo que son mafiosos.

LITERATURA

«Cun libro de humor ninguén che quere facer unha crítica; é un xénero moi infravalorado»

Na obra hai unha construción coral de personaxes, unha mestura da linguaxe da rúa coa escrita, os xogos de palabras, unha estrutura desestruturada. Quería facer traballar ao lector?

Si, sen dúbida. Ao lector non hai que darlle facilidades. E de vez en cando hai que facer pausas para pensar. O lector está para pensar, non só para pasar o rato. Que traballe (risos).

No libro tamén lle dá tempo a reflexionar sobre a literatura. Di que non hai ningunha editorial que publique libros de humor, nin que se considere xénero. Vese orfo neste sentido?

Iso é real. Non hai coleccións de humor. Por exemplo, cun libro de humor, ninguén che fai a crítica. É un xénero infravalorado.

É vostede lector de poetas?

Non. Funno, pero ultimamente xa non. Funme alonxando. Pero entendámonos: da poesía escrita, non da vital, da poesía dos ollos de alguén, desa non.

Comentarios