viernes. 25.09.2020 |
El tiempo
viernes. 25.09.2020
El tiempo

O señor que pintaba filmes

Manuel Piñeiro, na súa casa de Lugo.
Manuel Piñeiro, na súa casa de Lugo.

Manuel Piñeiro é quen de lembrar milleiros de títulos de películas, malia que, máis có cine, gústalle a pintura. Durante décadas foi rotulista para os cines de Lugo e, nos últimos vinte anos da súa vida profesional, o cartelista da Semana de Cine de Autor.


hAI MÁIS dunha década que o lucense Manuel Piñeiro non pinta un cartel de cine, pero asegura que faría o anuncio de ‘El origen del planeta de los simios’. «Faría a Lorenzo, que ten unha melena bastante máis doada de pintar ca dunha muller», indica amosando as medidas coas manotas coas que copiou milleiros de folletos de películas para darlles un tamaño XXL nas salas de cinema lucenses. Unhas mans que aos 82 anos, seguen proporcionadas en tamaño e en expresividade ao nariz e á boca.

«Moitas noites, despois de cear, avisaba á muller: «Prepárate, que imos ao cine», lembra. En realizade era a muller a que miraba filmes, porque el tiña que agardar á derradeira función para despintar a película que estaban botando e pintar o cartel da seguinte estrea. Con todo, Manuel gusta do espectáculo na pantalla, de grandes carteis en movemento. «Gústanme as vaqueiradas, que haxa moitos personaxes e se movan moito, que haxa acción», explica axitando as mans dun lado para outro, coma se remesexe na auga.

O rotulista iniciou a súa carreira cando tiña 14 anos «nun taller que estaba na esquina entre Bolaño Rivadeneira e Quiroga Ballesteros». Co tempo foise facendo coa confianza do xefe «e mentres outros ían de paseo, eu quedaba horas e horas practicando porque para a empresa non era o mesmo que lle pasase catro horas de traballo ca unha», apunta antes de empezar a recitar tantas firmas de Lugo para as que fixo carteis que se podería encher o polígono industrial das Gándaras. Tamén lle levaban o seu tempo as matrículas de coches, «que antes ían a man».

Gusto polo oficio

«A min ninguén me aprendeu, ninguén me deu normas, aínda que eu si o fixen cos rapaces que estiveron comigo para meterlles o gusto polo oficio», indica Manuel Piñeiro. A súa formación foi práctica cun leve apoio dun curso que comprou por correspondencia en Cataluña, «que me serviu de moito porque traía láminas cos tipos de letra». O seu favorito é a redondilla, «porque saes mellor dela».

A nómina de cines cos que colaborou tamén é amplia e variada. En 1981 recibiu unha petición da Semana Internacional de Cine de Autor para que traballase para eles. «Quedeilles moi agradecido, a homenaxe foi preciosa», asegura o artista en referencia o acto que lle dedicou o grupo Fonmiñá en compensación emocional polo seu labor. Colaboraron ata que cumpriu os 70 e decidiu deixar o cartelismo. Recoñece que, «ao primeiro tiña algo de morriña, pero iso era soamente ao primeiro porque era un traballo entretido e levadeiro; afortunadamente, os anos curan todo».

Coas encargas de Fonmiñá para a Semana de Cine actuaba como co resto dos labores que executaba para o cinema: collendo un folleto anunciador e reproducíndoo despois. «Xeralmente, copiaba o cartel tal e como era, pero ás veces pasaba que non tiña claro o tipo de letra; daquela botaba man das láminas do curso catalán».

O maior atranco que tivo no campo do retrato veulle dende moi cerca, de cando a Semana homenaxeou a José Trapero Pardo. «Pedíronme un cartel de catro metros en plástico para colgar na fachada da Biblioteca Provincial, pero non lle daba conseguida a expresión da cara», apunta.

Entre os acertos, cita un cartel que anunciaba a Moncho Borrajo cun retrato inmenso do cómico. «Cando acabaron as funcións, Borrajo pediullo ao xerente e eu díxenlle ‘Para que o queres?’ Para tirar con el», sinala Manuel Piñeiro, consciente do laborioso e, asemade, efímero que ten unha arte como a súa.

O traballoso chegaba especialmente cando algunha compañía de revista ou teatro pasaba por Lugo. Tiña que ir de mañá para copiar algún dos carteis que traían ou rotular seguindo as indicacións dos representantes. O seu labor quedaba daquela sometido á confrontación de egos dos intérpretes. «Os peores non eran os actores principais, senón os secundarios. Unha vez fixen caso a un que me pediu que puxese o seu nome con letras máis grandes e, cando rematei de cambiar o cartel, tiven que volver a poñelo como estaba ao primeiro», comenta.

O señor que pintaba filmes
Comentarios