O San Alberte, tradición viva

A Festa da Fala, que Xermolos recuperou hai catro anos, honra a Fernández Paz
Parte do grupo dos que decidiron achegarse a pé ao San Alberte
photo_camera Parte do grupo dos que decidiron achegarse a pé ao San Alberte

Nun espazo case máxico, aos pés da ermida do santo milagreiro que axuda a curar os problemas da fala, o San Alberte de Guitiriz encheuse unha vez máis de xente para demostrar que a tradicional romaría de sempre mantense viva.

«É un esforzo que merece a pena, porque cada vez a xente vai a máis», explicaba Xosé Antonio Arias, de Xermolos, a entidade cultural que, xunto á comunidade de montes de Sanbreixo, loita por non deixar esvaecer esta romaría, que dende hai catro anos, baixo o nome de Festa da Fala, rinde unha homenaxe a unha voz. E tras o gaiteiro O Belonio, o primeiro, Díaz Castro e Manuel María, onte foi o turno de Agustín Fernández Paz, «o mellor escritor de narrativa galega para nenos e para a mocidade» e un chairego que coñeceu de neno o San Alberte guitiricense, ao que o levaron seus pais porque tatexaba, como recordaron dende Xermolos nunha lectura na súa homenaxe.

A romaría, como marca a tradición, contou con misa e procesión, música, a cargo do grupo Sons da Aldea e do dúo Óbice Capital, e con decenas de comidas campestres. «É unha cita moi familiar», dicía un dos presentes, mentres servía café e recordaba tempos nos que 40 autocares aparcaban cheos de xente para ir ao santuario. «Todo o que non sabía falar, viña».

Este ano recuperouse outra das tradicións «por iniciativa popular» e un grupo de veciños de Guitiriz decidiron facer unha camiñata para chegar ao santuario a pé, como noutros tempos fixeron moitos outros. E ao programa sumouse a artesanía, con exhibicións de canteiros, cesteiros, artistas da madeira ou do coiro, entre outras propostas.

Comentarios