Domingo. 18.11.2018 |
El tiempo
Domingo. 18.11.2018
El tiempo

O salto aos escenarios

Manuel Pereira Santín, ao pé da Pravia
Manuel Pereira Santín, ao pé da Pravia
O vilalbés Manuel Pereira Santín vén de debutar na sección 'Agora ou nunca' do programa Bamboleo da TVG, imitando dun xeito brillante a Bertín Osborne

Dos karaokes á gran pantalla. Ese foi o salto quilómetrico que deu o vilalbés Manuel Pereira Santín fai escasos días, cando se liou a manta á cabeza e decidiu participar na sección ‘Agora ou nunca’ do programa Bamboleo da Televisión de Galicia, imitando a Bertín Osborne dun xeito brillante.

«Foi unha amiga a que me animou a ir a un cásting ao pub Ruada en Lugo, fai cousa dun mes. Alí graváronme interpretando ‘Como un vagabundo’, e aos catro días xa me chamaron para participar no programa», conta Manuel, agradecido pola oportunidade.

Aínda que non existe un gran parecido físico co famoso cantante, o vilalbés si que conseguiu «con moita práctica e karaoke» clavar a súa particular voz. «Temos un timbre parecido, e esa canción xa a teño dominada. Os amigos, nas ceas e nas xuntanzas, sempre me piden que a cante», asegura Santín, mentres fai fincapé en que nunca estudou canto, senón que «é todo de oído».

Ademais de ir con certa regularidade ao karaoke, Manuel tamén acode agora que ten máis tempo -hai unha tempada adestraba ao equipo de fútbol sala de Begonte- a ensaiar cun amigo á parroquia de Lanzós.

«Xúntome de cando en vez con Manolo Pedriñas, que ten un dúo. Podémonos pasar tres e ata catro horas cantando, aos dous nos gusta moito», engade o recén descuberto artista, que logo de dar o gran salto aos escenarios non descarta a posibilidade de seguir tendo algunha que outra aparición máis nos medios.

E é que o éxito ben o merece. O seu vídeo en Youtube acadou en pouco tempo máis de 1.000 visitas. «Á xente gustoulle moito a actuación, ademais poden ver e valorar se me parezo ou non», argumenta un home que recoñece que o seu «referente» artístico é Nino Bravo.

«Gustaríame volver á televisión para interpretar unha canción del. E non che digo que non ocorra, xa que me dixeron que lles gustara moito», adianta Manuel, esperanzado en poder seguir crecendo nesta afección. O que ten claro é que se quere continuar «é importante comezar a ir a clases de canto, porque é unha maneira de relaxarse», conclúe.

O salto aos escenarios
Comentarios