O Sáhara, esa dor

Pasaron os trinta e cinco anos de toda unha vida, desde a mocidade até a madurez, con esa dor aguda e permanente que produce a traxedia do nobre pobo saharauí. Sucedéronse os gobernos xa democráticos no Estado que foi antiga potencia colonizadora, coa UCD, o PP e agora outra vez o PSOE, sen asumiren responsabilidades cos habitantes do Sáhara, sen respectaren os seus vellos dereitos, tamén como cidadáns españois, porque dependían, aínda que fose a disgusto, da metrópole. Traizoando e condenando todo ese pobo ao esquecemento e ao martirio.

Houbo saída militar deshonrosa, ocupación do territorio por parte dos marroquís, fuxida aos campos de refuxiados dos saharauís para salvaren a vida, unha longa guerra con Marrocos, promesas incumpridas e enganosas dos organismos internacionais, folgas de fame, exilio, espolio dos recursos, miles de mortos, masacre, miles de refuxiados, miles de presos e torturados. E aínda seguimos nas mesmas, con esa ferida aberta, que non para de sangrar, e que nos segue xerando unha chea de malestar.

Portugal tivo unha actuación máis digna coa súa colonia de Timor Leste, permitíndolle a súa independencia en 1975, condenando a súa ocupación posterior por Indonesia e presionando este país e á ONU para que houbese un referéndum que vinte anos máis tarde proclamaría definitivamente a independencia dos timorenses. Mais parece que isto é moito esixirlle ao Estado español, que vende armas á ditadura marroquí e permite que empresas privadas, varias galegas, colaboren na explotación dos recursos propiedade dos pobres e maltratados saharauís.

O mesmo ditador Franco parece que lles ía recoñecer o dereito de autodeterminación, pois nos últimos anos do seu réxime xa se crearan institucións que facilitarían o tránsito á independencia, como a policía territorial e unha Yemaa ou asemblea de notábeis saharauí. Queríase descolonizar o Sáhara, como se fixera antes con Guinea Ecuatorial. Mais Franco enfermou, e cando se encontraba en estado de coma o xefe de estado en funcións aceptou entregar ao monarca de Marrocos aquel territorio, coa colaboración do goberno dos Estados Unidos e de Franza. España participaría na explotación dos fosfatos e do banco pesqueiro. E os Estados Unidos apoiarían a Juan Carlos I como rei. Resultan curiosas as afirmacións do daquela príncipe, cando ao visitar o día 2 de novembro de 1975 aos militares españois acantonados en El Aaiún declarou que “España cumprirá todos os seus compromisos e respectará o dereito dos saharauís a ser libres.” Resoa aínda na historia o eco daquelas palabras.

A eses militares, que querían seguir co proceso de descolonización, déuselles orde de evacuar o Sáhara, sentindo unha profunda raiva, humillación e tristeza. En todos estes anos a cidadanía dos distintos pobos do Estado deu un extraordinario exemplo de solidariedade coa causa saharauí. Ao contrario que os distintos gobernos, que nunca fixeron nada por cumprir coas súas responsabilidades históricas. Estaría moi ben que fose certo que o problema do Sahara, tan sentido polos cidadáns, determinase tamén o seu voto nos procesos electorais futuros. Polo ben do Sahara.

Comentarios