O sabor da liberdade

Hoxe falaría, se cadra, de camiños e árbores, mais a actualidade vaime levar por outros vieiros. Ao fío da noticia da liberación dos dous cooperantes que estiveron case nove meses secuestrados no Magreb, quero facer algunhas reflexións. Choveu, e moito, desde o día en que a temíbel organización islamista radical Al Qaeda saíu ao paso da caravana que ía levar axuda humanitaria a aquelas terras desherdadas pola fortuna. Choveron, sobre todo, opinións diversas sobre o papel das ONGs e a conveniencia ou non de se arriscar neste tipo de accións. Non foron poucos os que lles chamaron imprudentes por traspasaren os límites da seguridade persoal. Eu tamén llelo chamarei, pero como piropo. Sospeito que a máxima das súas vidas é aquela de Teilhard de Chardin: «Non coñezo outra prudencia que a de arder cun fogo máis forte». E, xa se sabe, o fogo é unha das metáforas máis atinadas do amor. Só por amor se acometen empresas que poden custar a vida. O que as fai nobres ou ruíns é o obxecto dese amor. Neste caso foi a humanidade doente a que os levou a deixar a comodidade das súas existencias ben instaladas para se atopar de cerca co rostro da morte. Benia, pois, a eles. Aínda así a planificación escrupulosa para evitar, no posíbel, estas cousas é inexcusábel.

Coa xenerosidade de Roque Pascual, Albert Vilalta e Alicia Gámez, esta última máis afortunada por ter sufrido un cativerio menos longo, contrasta a miseria de certos políticos que non perden ocasión de desgastar o goberno polo que fai, polo que non fai ou polo que podería facer ou non facer. Eu supoño que non o fixeron mal, porque ben está o que ben acaba e, esta vez, todo acabou ben.

Todo acabou ben para os cooperantes, mais sospeito que feitos coma este redundarán, coma sempre, en prexuízo dos máis pobres, os destinatarios deste tipo de accións.

James Petras, profesor de Ética Política na Universidade de Binghamton (Nova York), é un declarado detractor das ONGs. Denuncia, entre outras cousas, que se converteron no rostro comunitario do neoliberalismo e despolitizaron amplos sectores da poboación. Di que se embarcan en pequenos proxectos económicos para incorporar aos pobres na economía capitalista e así os afastan do sentido ‘do público’ que os gobernos teñen a obriga de garantir. Pode ter razón nalgún caso, mais coido que esaxera e descoñece a realidade de moitos dos países do Terceiro Mundo en que os gobernos pouco máis existen que de nome. Certo que hai organizacións que cambian axuda por adhesións á súa ideoloxía; pero, cada vez máis, son moitas as que teñen como único obxectivo atallar os males o mellor que poden, achegando o seu gran de area.

Albert e Roque están a saborear de novo a liberdade. A física, porque coido que a outra, a grande, a que traspasa as reixas e rompe as alxemas, non a perderon nunca.

Comentarios