O Resurrection Fest ofrece entradas a 40 euros só ata o 15 de marzo

Os organizadores do Resurrection Fest informan que xa están á venda as entradas para o concerto, nesta primeira fase cunha oferta especial de 40 euros para acceder ó recinto os tres días das actuacións. De momento só se poden comprar en dous puntos de venda online, LaBoletería e KulturaLive ata o 15 de marzo. A partires desa data a organización porá o prezo definitivo para que tamén se poidan comprar en puntos de venda físicos.

O Resurrection Fest é o evento máis esperado do ano para os seguidores do hardcore, o metal e o punk, e xa ten pechado boa parte do cartel que tocará os días 2, 3 e 4 de agosto no concello vivariense.

Un dos principais atractivos desta sétima edición é o que será o primeiro concerto en España da banda Blood for Blood, ademais do concerto de reunión de Good Ridance, que terá no Resurrection unha das súas poucas paradas este verán. Dous grupos que nunca antes tocaran neste festival serán Hatebreed e Suicide Silence, moi solicitados desde as primeiras edicións.

Repiten outras bandas como Converge, Unearth e Agnostic Front, que inclúen Viveiro na xira do seu 30 aniversario. Completan, ata agora, o cartel os grupos Municipal Waste, Deez Nuts, Set your goals, Mxpx All Star, Here comes The Kracken, Give em Blood e While she sleeps, ademais dos españois Crisix e The eyes.

A organización ten moi boas expectativas para esta nova edición, visto o crecemento que experimenta o festival ano tras ano movendo a milleiros de seguidores.

Comentarios