O restaurante Galicia de Baamonde, un século de innovadora tradición

O establecemento conmemorará cunha foliada chea de sorpresas, nunha data por determinar, o centenario da apertura do negocio. No ano 1916, tras volver de Cuba, o matrimonio formado polos bisavós dos actuais donos inauguraban o negocio ‘Juan Castro Paz, Vinos y Comestibles’
Maruja Arias cos seus catro fillos e o resta da familia do Galicia
photo_camera Maruja Arias cos seus catro fillos e o resta da familia do Galicia

Contan que Rita Vázquez, ao volver de Cuba en 1916, trouxo consigo unha sorte de moderna ‘olla express’. O innovador artefacto emitía tal asubío que seica se oía na estación de tren de Baamonde, polo que os que alí traballaban sabían que era a hora de ir tomar o café a Casa de Ribado, no quilómetro 529 da Nacional VI.

Con este nome foi co que durante medio século se identificou popularmente o actual restaurante Galicia, bautizado como tal cando a terceira xeración, a de Xoán Corral, tomou as rendas do negocio no 1965. Dende a súa apertura no 16, levara o nome do home de Rita, Juan Castro, e despois o do seu xenro, Manuel Corral.

Juan, natural de parroquia guitiricense de Roca, onde xa existía a taberna de Ribado -de aí o alcume que herdou a de Baamonde- e Rita, nada na parroquia begontesa de Bóveda, emigraron a Cuba e ao seu retorno apostaron por asentarse en Baamonde, onde mercaron unha casa á beira da estrada de Madrid, transitada daquela por cabalos e por carruaxes -o actual albergue de Baamonde era daquela unha posta-, e preto dunha estación de tren con moito movemento, xa que era o punto principal de distribución das mercadorías que ían para a costa.

O matrimonio abriu un deses negocios propios da época, unha combinación de casa de comidas, taberna e ultramarinos, que ocupaba o comedor central do actual restaurante, mentres que onde hoxe está o bar, daquela estaban as cortes.

O Galicia foi collendo fama, auspiciada pola cociña de Maruja e as dotes artísticas de Xoán


Juan e Rita tiveron dúas fillas, Josefa e Lidia, e foi a maior, Josefa, a que herdaría o negocio familiar, que rexentou xunto ao seu home, Manuel Corral, mantendo a liña dos seus antecesores e compaxinándoo, como era habitual, cos traballos do campo.

Manuel e Josefa tiveron once fillos, e a maioría deles axudaron, algúns durante moitos anos, no negocio familiar, pero foi Xoán Corral, ao volver de Barcelona, quen quedou á fronte da Casa de Ribado xunto coa súa muller Maruja Ares, coa que acababa de casar. Apostaron por innovar ano tras ano, pero sempre mantendo a tradición. A primeira transformación sería o cambio de nome, un indicativo das reformas que ía experimentar o negocio nos anos vindeiros. Mantívose a esencia da casa de comidas e da taberna e paulatinamente desapareceron os ultramarinos.

As cortes trasformáronse en bar, a tenda en comedor e, en 1975, o matrimonio alugaba a casa do lado para habilitar outro comedor, un edificio que finalmente comprarían, dada a fama que foi collendo o Galicia, auspiciada por dous factores clave, a cociña de Maruja, cunha aposta por uns pratos de sempre que aínda permanecen hoxe na carta, e as dotes artísticas de Xoán.

Nun momento no que o ‘vintage’ non estaba de moda e a xente tendía a tirar todo o vello, el foi decorando o restaurante con mobles e diversas pezas, por exemplo da labranza, que foran perdendo o seu uso, e que hoxe son un sinal de indentidade do Galicia. Cando a tendencia era cubrir a pedra das paredes e pintar, Xoán preferiu deixala á vista.

Foron estes pequenos detalles, xunto á entrega total dun home a quen non lle importaba abrir a porta de madrugada para darlle de comer a un viaxeiro, os que lle foron dando sona a un restaurante que acabaron de catapultar uns espectáculos xurdidos case por casualidade.

A Xoán sempre lle gustou disfrazarse polo Entroido, pero en certa ocasión quedaran a durmir alí -houbo un tempo no que tamén foi hostal- uns franceses, que preguntaron se había algún espectáculo que puidesen ver. Ante a falta de opcións, foi el o que fixo unha ‘performance’ que acabaría por formar parte da esencia do Galicia, igual que os seus traxes de chaves, de noces, de varas... ou ese café de ‘pota madre’ que hoxe é unha marca rexistrada.

Á morte de Xoán, o 18 de xaneiro do 2012, os seus catro fillos, todos eles xa vencellados ao negocio, decidiron poñerse á fronte e permitir que o Galicia alcanzase os 50 anos de vida -efeméride que conmemoraron o ano pasado- e a Casa de Ribado o presente centenario.

Inma, sustituta da súa nai Maruja -recentemente xubilada- nos fogóns; Monste, que comparte responsabilidades na cociña e no comedor; Jamy, encargado de atender as mesas, e Jes, o amo da barra do bar, quixeron seguir adiante. Apostaron por un novo acondicionamento e levan uns anos acumulando premios -Prato de Ouro, Medalla de Ouro Gastronómica, a distinción a toda unha vida de Maruja...-, que non son outra cousa que o recoñecemento a un século de traballo.

Comentarios