O reinventor das zocas

O artesán pontés Andrés Otero actualiza o calzado tradicional feito en madeira con deseños que permiten levar os dedos ao aire
Andrés Otero mostra as súas creacións
photo_camera Andrés Otero mostra as súas creacións

Facía zocas de rapaz. Acompañaba a un tío a vender ás feiras e polas casas, sobre todo nas Pontes e na zona de Ortigueira -«os que andaban no mar gastábanas moi rápido», recorda-. A tradición vénlle de lonxe. Pero quedou nunha afección, algo apartada, ata que se xubilou tras anos na mina de Endesa e retomou a artesanía, case como terapia. Agora, aos seus 81 anos, segue reiventándose.

Andrés Otero, máis coñecido pola súa aposta pola recuperación do traballo artesanal das sellas -aqueles recipientes que durante décadas foron a forma de transportar e levar a auga nas vilas, aldeas e cidades-, trata dende hai algún tempo de reinventar as zocas.

Algunhas das súas creacións chegaron a Barcelona ou a Benidorm, ou cruzaron o Atlántico cara a EE.UU. ou Venezuela

Mantén o estilo tradicional, feito en madeira, pero actualiza o modelo con deseños que van dende o pasado máis clásico ás máis modernas, as zocas que permiten levar os dedos ao aire. Para inverno, verán, para traballar ou poñer as mellores galas, o artesán pontés dálle unha volta ao calzado de madeira.

«A artesanía é un ‘hobby’ para min. Pasas o tempo tranquilamente, entreteste, é un ‘gusanillo’», relata o pontés, que aos seus 81 anos non deixa de crear.

«Teño as zocas de toda a vida, as primitivas de caña de goma, que se utilizaban cando chovía para ir á terra, de home e de muller, as de cordóns, que eran para os domingos e para ir ás festas, e as novas, as da praia», di cun sorriso mentres ensina varios modelos de zocas debuxadas con tiras de madeira.

«Á xente gústanlle moito. Empecei por probar, facendo un debuxo para ver como sairían e despois seguín facendo modelos», explica o pontés, que recoñece que algunhas das súas creacións xa chegaron a Barcelona ou a Benidorm e outras mesmo cruzaron o Atlántico rumbo a EE.UU ou Venezuela.

«Uns quérenas para andar con elas e moitos para telas de adornos. Hai de distintas medidas pero fágoas a ollo, non cun número concreto», explica Otero, que indica que cada par suponlle «un par de días de traballo». «É máis difícil facer as zocas que as sellas. Aquí non hai medidas», explica o pontés, membro da asociación Artesáns do Eume, un habitual das grandes feiras das Pontes e visitante doutras dos arredores.

Comentarios