O Rei

O Rei amosou esta semana o seu “descontento”, como din os máis monárquicos, polos comentarios xornalísticos relacionados coa súa saúde, que é tamén un pouco a saúde de todos nós: cando ao Rei lle doe algo, dóelle a España. Ao parecer agora vai operar un nocello. Juan Carlos I ten 72 anos.

A esa idade hai quen opera o nocello ou quen anda encargando a caixa, así que tampouco é para que se asuste a Súa Maxestade de que os xornais conspiren pola súa felicidade. Hai quen lle suxire que non é idade para soster a coroa, pero habería que ver os vellos levando enriba o capacho coas uvas para saber que idade é boa para según que cousas.

O Rei, que nos últimos tempos vén de coquetear co look aquel que fixo célebre Joaquin Phoenix, debe de querer que os medios respecten non só a súa intimidade, senón que non se fagan hipóteses sobre ela. Non se coñece en España que teña unha intimidade maior que o seu primeiro famoso, pero ao Rei non lle parece suficiente. Quizais coa idade estea abandonando a campechanía, que é unha cousa xa demodé, por algo máis cool, como a indignación. É outra maneira de estar máis preto do pobo.

Pero aí o que ten que facer é poñer a coroa, montar a cabalo e marchar con el a Sol, non rifarlle aos periodistas como Belén Esteban, que só lle faltou o taxi ao lado e a revista enrolada nunha man atizándolle ao cristal.

Comentarios