lunes. 01.06.2020 |
El tiempo
lunes. 01.06.2020
El tiempo

O rei monicreque

Teño moita tolerancia ao teatro afeccionado agás na adaptación de clásicos...

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

TEÑO MOITA tolerancia ao teatro afeccionado agás na adaptación de clásicos. A miña experiencia demostra que unha persoa pode saber moito de teatro e pouco de literatura, o que crea uns enxendros ben desastrosos de cando en vez. A última vez que me erguín nunha actuación foi nun Ubú Rei convertido en desfile de personaxes do Tomate ou Salsa Rosa da época, algo que lle arrincaba ao clásico de Alfred Jarry a súa carga de profundidade contra as institucións dominantes da Francia de finais do século XIX.

Alianza Editorial vén de publicar unha tradución —outra máis— do primeiro volume, o máis coñecido, das aventuras do Tío Ubú. O traballo non só é excelente por afrontar as dificultades lingüísticas senón polas mesmas explicacións do tradutor, Wenceslao Carlos Lozano, sobre o feito, algo non habitual e que pode axudar moito ao lector en casos coma este.

Non direi eu que Alfred Jarry pasou ás catacumbas da historia, pero si que se lle presta menos atención da debida, sobre todo se temos en conta o carácter visionario do seu ciclo ubuesco. Quizais inflúa o feito de que a súa curta vida sempre se desenvolveu nas marxes das institucións e estivo enchoupada no veleno finisecular do XIX, a absenta. Dentro do teatro francés é sinxelo establecer a súa posición grazas a unha coñecida anécdota sucedida na estrea desta obra.

Era 10 de decembro de 1896 e Firmin Gémier, daquela un actor novo e relativamente pouco coñecido, entrou a escena despois da saída do tal Jarry, que acababa de presentar en voz case que inaudíbel a súa obra, situada en Polonia «ou sexa, en ningures», aclaración necesaria quizais para evitar males maiores. Gémier situouse no medio do escenario e con voz de trono berrou: «Merde!». O decoro raciniano do teatro francés acababa de marchar, literalmente, á merda.

Ubu Roi creouse orixinalmente como obra de monicreques e de feito a súa representación por seres humanos choca sempre co seu carácter esaxerado. Ubú, personaxe trumpiano por egoísta, mediocre e mesquiño, derriba o rei de Polonia e nuns poucos días establece un réxime tiránico cuxas bases son roubar e matar. Dun xeito un chisco paradoxal, o tolo non mata todo o que debe e o supervivente Bobolao remata por derrocalo.

Este argumento en aparencia sinxelo aparece enriquecido cunha linguaxe insólita nas táboas francesas da época, chea de esaxeracións, creacións arriscadas e composicións insólitas... Un francés de case que imposíbel traslado a outra lingua a pesar dos xa gabados esforzos do tradutor. E tamén cunha satírica de profundidade que lle outorga unha total actualidade ao Ubú Rei.

Estamos nunha época na que fantoches manexan armas nucleares e é imposíbel non ler a Jarry en chave estadounidense, norcoreana, española ou catalá, segundo sexa cada caso. Os que mandan, mediocres; os que aspiran a mandar, aínda máis; ás veces asasinos, sempre venais. A lama do poder é un lugar onde paran todos e poucos saen con ben. Aqueles que se interpoñen van pola trampa sen miramentos. É o poder visionario dos grandes literatos.

A grande mágoa é que o coñecemento de Jarry e o seu Ubú en España é e seguirá a ser limitado. Moito lle prestaría á nosa cultura unha tradución de todo o ciclo —formado por cinco obras— e mesmo de textos seleccionados da ‘patafísica’, a filosofía que nace destes monicreques e cuxa descrición, de novo, semella axeitada para moito do que sucede arestora: «A patafísica é a ciencia das solucións imaxinarias [...] que procura atopar as regras das excepcións».

O rei monicreque
Comentarios