El rey de las pujas

Salustiano (á dereita), na poxa que organiza dende hai 60 anos nas festas de Pontoibo. antón ferreiro
photo_camera Salustiano (á dereita), na poxa que organiza dende hai 60 anos nas festas de Pontoibo. antón ferreiro

«Á de unha, á de dúas e á de tres, vendido». Son as verbas máxicas que cada ano Salustiano Ameneiro, máis coñecido como Salustiano de Pontoibo, pronuncia dende o escenario, ao modo de colofón dun ir e vir de prezos cantados dende a distancia nunha cita con tradición e a piques de desaparecer na Galicia rural, as poxas, que na parroquia pontesa de Pontoibo existen, din os máis maiores, dende 1750.

Salustiano, ós seus 91 anos e a piques de cumprir os 92, é todo un experto do arte de poxar, é o rei das poxas de Pontoibo tras seis décadas animando a veciños e visitantes a subir o prezo anterior, dende que colleu a testemuña do seu primo. «O ben aprendido non é esquecido», apunta este home enérxico, mentras subliña a clave do éxito: comezar con prezos baixos.

«Se se poñen moi altos de entrada a xente non lle sube, por eso hai que comezar despacio e ir animándoos, porque a xente ás veces é un pouco lenta e estamos poxando máis de tres horas seguidas», comenta. Pero tarde o que tarde, lonxe de queixarse ou mostrarse cansado, Salustiano mantense ó pé do cañón.

A súa experiencia, este ano organizou a poxa número sesenta, refórzase coa súa forza e a súa capacidade de animar entre bromas e sorrisos a tódolos presentes ata conseguir que paguen ben por calquera dos produtos que entran na poxa, nunha ofrenda a San Vicente e á parroquia, xa que todo o recaudado destínase a cubrir os gastos da festa ou a facer arranxos.

Os máis novos, cada vez menos, presencian a poxa entre sorrisos por unha tradición que se mantén viva e o abraio por algo case descoñecido para eles, que descubriron nunha posición máis cómoda e solitaria, a través da pantalla do ordenador nun mundo paralelo como Ebay no que a golpe de click un pode obter un reloxo de Estados Unidos ou un mp3 de Singapur en menos dunha semana.

En Pontoibo, lonxe de tecnoloxías, imaxes e ordenadores, a tradición manda e os compradores ven o producto e non fan click, berran o que están dispostos a pagar, entre unha oferta amplia que pouco ten que envidiar a do mundo virtual -orellas de porco, unllas, ovos, mel, patacas, chourizos, viño, cabezas de cocho, coellos, galiñas e mesmo cadros ou reloxos de punto de cruz, así como roscóns ou outros doces-, esperando que Salustiano lles dedique a frase: «Á de unha, á de dúas e á de tres. Vendido».

O recaudado nas poxas destínase a cubrir os gastos da festa, pagar ás orquestras ou a facer arranxos na parroquia

Comentarios