O que Harvey Keitel non dixo

A rede créate e a rede destrúete. A día de hoxe o mundo real e o virtual están cada vez máis interconectados (se é que algunha vez non o estiveron) e é un termómetro para medir filias e fobias, para ser espectadora de críticas e louvanzas, para observar como se marcan as tendencias. E na rede hai moita cultura referenciada polos usuarios: extractos de libros, películas ou cancións que che recordan momentos propios, fotografías que che inspiran o día, series ás que un anda enganchado e mencións a artistas en xeral.

Demasiada referencia nuns tempos nos que ninguén quere ser o cultureta de turno porque iso seica é rancio a máis non poder. Despois de todo, o que apetece é criticar o traballo dos demais, porque un está no dereito de criticar calquera cousa, mesmo o cutre que poida ser que apareza un Windows Media Player na pantalla dun auditorio no momento de ver un vídeo. Porque si que é cutre, tan cutre ou cuestionable como outras mil cousas que nos acontecen todos os días pero que non contamos.

Aínda así, calquera pagaría porque lle criticasen a forma e non o fondo, por unha publicidade gratuita, porque ao final semella que hai que chamar a atención (querendo ou non) para que os ollos dos demais se viren cara un. A polémica vende, crea iconas e, se non, lembremos a Yolanda Castaño e a Pánchez, a Eduardo Estévez co seu poemario Construccións, a Jaureguízar e a Caneiro e, nestes días, a Estíbaliz Espinosa por culpa dun power point. Pois así se fai país señores, con crítica, con polémica, con debate, e sen razóns absolutas, anque todos temos un ego de aquí a pasadomañá.

Pechou o Cultur.gal este ano con 35.000 visitas, o Music.gal encheu un auditorio de máis de 1000 persoas e despois de todo isto, a rede é coma Harvey Keitel en Pulp Fiction: "Bueno, non empecemos a chuparnos as pirolas" E teñen razón, non debemos ser autocompracentes porque non temos nada de rollo cultureta propio co que poder masturbarnos a pracer, pero unha cousa é que Harvey Keitel diga que non nos chupemos os xenitais e outra cousa é o que estamos facendo: mutilalos antes de poder darlles uso.

Comentarios