O que é do César

Xa se instalaron deputados e senadores nos seus despachos e a noticia de que cada un deles disporá dun computador portátil e un sofisticado teléfono móbil motivou moitas reaccións airadas de persoas que escriben aos xornais para manifestar a súa protesta. Tamén nestes días en Inglaterra grupos de presión cidadán lograron que se dé publicidade aos gastos privados abonados pola Cámara dos Comúns aos seus membros.

Está claro que detrás desta reacción está o desprestixio da clase política. Porque ninguén se atrevería a criticar que un executivo de calquera empresa dispoña de tales medios, nin se cuestionan os enormes gastos protocolarios.
No caso dos políticos, con todo, é máis forte o sentimento, xa apuntado, que leva a moitos a lamentar ata que se lles paguen salarios, propoñendo unha especie de dedicación altruísta. Diariamente, vemos como os máis diversos colectivos profesionais realizan reivindicacións salariais e ata folgas solicitando aumentos retributivos. Pero tratándose dos gobernantes, hai un sentimento de que se lles paga máis do que merecen.
É certo que un determinado cargo pode fracasar no xeito en que desempeña as súas funcións, pero o feito é que en todo o mundo democrático os soldos da clase política son modestos, moito máis baixos que os das empresas privadas. Soamente nun pequeno país de Asia, Singapur, calcúlase o salario dos políticos en función do que cobran os seus principais dirixentes empresariais. Así se explica que o primeiro ministro gañe cinco veces máis que o presidente dos Estados Unidos.
Todo o mundo sabe que é precisamente logo de abandonar os seus postos cando se abren para un político as posibilidades de enriquecerse. Recentemente, Toni Blair, Bill Clinton, Al Gore ou Aznar pasaron de cobrar soldos que non aceptarían moitos executivos españois a recibir substanciosas cantidades por participar no lucrativo negocio das conferencias e as asesorías. Incluso os seus libros de memorias serven para engordar as súas contas correntes.

Hai que recoñecer que hai algo de inxustiza nesta circunstancia, porque a tarefa de gobernar non é sinxela. Non ten horarios, nin días festivos; supón enfrontarse a malos momentos, como son os atentados terroristas; por outra banda, limita a liberdade de movementos do político, sempre parapetado detrás de escoltas e coches blindados, e exposto a todo tipo de críticas nos medios de comunicación, ás veces por simples descoidos verbais ou actuacións na súa vida privada.
Pero nada disto redime a estas figuras ante o cidadán. Unhas veces será polo descontento pola forma de gobernar, outras por discrepar cos privilexios e prebendas que están ligados ao poder. Con todo, xa o dicen os Evanxeos, non podemos negar ao césar o que é do césar.

Comentarios