lunes. 26.07.2021 |
El tiempo
lunes. 26.07.2021
El tiempo

O público e o privado

DESDE QUE O neoliberalismo salvaxe triunfou no planeta afogando a endeble socialdemocracia, as persoas divídense entre defensores e beneficiarios do público, ou paladíns do privado e donos do privatizado. O modelo é a Alemaña de Merkel, admirada de Rajoy. A receita é coñecida: menos regulación, total liberdade para empresas, mesmo a turbia Eurovegas en Alcorcón, privatización da herdanza pública, menos impostos e arrasamento do estado de benestar.

Este sistema brutal nega ao Estado toda autoridade en materia educativa para entregarlla ás familias. Poden estas impor o seu criterio en materias tan sociais como a lingua? Que autoridade poden ter familias desestruturadas ou que a crise condena a preocuparse só das urxencias do bandullo? Non é máis certo que a sociedade enteira é a responsable da educación dos nenos? A educación dos fillos non pode depender dos medios económicos, das crenzas familiares, por respectables ou daniñas que sexan.

A marabunta económica está a varrer a dirección política das sociedades e do minúsculo control democrático que mantiñan. Xibarizar o papel do Estado é condenar á intemperie á maioría. Deixar as grandes empresas sen normas leva á aberración de que paguemos a electricidade máis cara de Europa, cada día máis endebedados coas eléctricas sambesugas. Déficit tarifario, din estes tafures que saquean os petos das familias.

A pretensión dos donos do mundo é a entronización do máis forte, do que naceu rico e san, dos agraciados pola intelixencia e a fortuna. Nese paraíso privado non collen anciáns, enfermos crónicos, minorías de ‘desechables’, chámense xitanos romanís, magrebís ou subsaharianos, os que non poden crear unha familia porque lles rouban traballo e dignidade, os que perden a casa.

Clama ao ceo que os xerarcas da Igrexa, entusiastas manifestantes na defensa dos seus privilexios, non condenen este ataque brutal aos desvalidos, a destrución salvaxe da solidariedade que eles chaman caridade, misericordia. O principio do amor que predican é substituído polo único mandamento da lei da selva: sálvese quen poida.

Todo vai quedando nas mans dos depredadores máis fortes, feros e con menos escrúpulos, dos tramposos aos que nunca alcanza a xustiza. Son os que detestan todo o público, os que se opoñen a que o Estado axude aos dependentes. Tentan, e o están a conseguir, afundir o público. O máis visible do trunfante neoliberalismo é o ensañamento cos máis febles. Volve ser certo de que ‘o home é lobo para o home cando descoñece quen é o seu irmán’. Cando é incapaz de tomar partido e enfrontarse como o está a facer a heroica marea branca pola sanidade pública en Madrid, como a admirable marea verde en Baleares polo ensino de todos. Cando xa non distingue entre o público e o privado.

O público e o privado
Comentarios