Viernes. 24.11.2017 |
El tiempo
Viernes. 24.11.2017
El tiempo

O público abarrota a Casa Dopeso das Pontes na estrea da curta 'O túnel'

Estrea da curta na Casa Dopeso das Pontes
Estrea da curta na Casa Dopeso das Pontes
O traballo dos alumnos do IES Moncho Valcarce obtivo o premio no Concurso de Guións contra a Violencia de Xénero da Deputación da Coruña

A sétima arte tamén foi protagonista nas Pontes, onde os alumnos do IES Moncho Valcarce conseguiron colgar o cartel de ‘entradas esgotadas’ na estrea da curtametraxe ‘O túnel’, o traballo co que conseguiron o primeiro premio do terceiro Concurso de Guións contra a Violencia de Xénero, que promove a área de benestar social, educación e políticas de igualdade da Deputación da Coruña.

Con aforo completo, a obra, rodada integramente nas Pontes, presentouse por primeira vez ao público. E a resposta foi todo un éxito.

«De resaca, logo da fabulosa estrea, informámovos de que a curta está subida xa na nosa páxina web www.otunel.com e tamén en Youtube, procurando a nosa canle CurtametraxeOTunel. Esperamos que vos gustara e que o éxito que tivo na estrea prosiga durante moito tempo. ‘O Túnel’ non pode morrer aquí, vós tedes que darlle vida, agora é voso, é de todas e todos. Compartídeo, mudade conciencias», expresaron os alumnos do IES Moncho Valcarce despois da primeira proxección.

Alba Antúnez, Cristina Fernández, Carmela Franco, Jessica Moledo, Lucía Pernas, Noemi Purriños e Román Varela son os artífices desta obra que trata de denunciar a lacra que representa a violencia de xénero na sociedade actual.

«Narra a historia de María, unha rapaza anulada polos micromachismos imperantes na sociedade e que ademais é vítima da relación tóxica que mantén co seu mozo, Juan Pablo», resumen os promotores deste traballo, que no seu elenco de actores contou con Eva González, Rubén Moledo, Sara Dopico, Andrés Pita, Xenaro Saborido e Nuria Durán, entre outras moitas persoas que participaron.

O traballo, que conta tamén coa colaboración musical de 2Gether, é o resultado do obradoiro dirixido por Belén Montero e Juan Lesta.

O público abarrota a Casa Dopeso das Pontes na estrea da curta 'O...