El programa Anda con Nós se cierra con perspectivas de continuidad

Os participantes animan ao Concello a repetir a experiencia despois do verán e están dispostos a crear un grupo de sendeirismo
Algúns dos camiñantes, na ruta da Cova da Serpe.
photo_camera Algúns dos camiñantes, na ruta da Cova da Serpe.

Logo de nove roteiros cos que se percorreron algúns dos recunchos máis significativos do concello de Guitiriz, o programa municipal Anda con Nós pechouse cunha media de 15 participantes por camiñata e unha sensación xeral de satisfacción polas cousas positivas que esta experiencia lles achegou a aqueles que acudiron habitualmente a esta cita de carácter mensual que se clausurou cun paseo nocturno por Parga.

Antes desa camiñata de despedida, os participantes percorreron distintos tramos da Ruta da Auga, seguiron as pegadas de Díaz Castro polos Vilares, peregrinaron por unha etapa do Camiño Norte de Santiago e visitaron o pantano, a Cova da Serpe ou o Muíño da Ruxida.

«A min encántame o sendeirismo, así que non podo dicir nada malo desta iniciativa, a través da que visitamos todas as parroquias do municipio», explica Mónica Paz, unha das asiduas a unha proposta que mesmo contou con participación de xente de fóra do concello.

«Todas as rutas son bonitas», indica esta veciña dos Vilares, aínda que se tivese que quedarse con algunha sería co lugar da Cova da Serpe -«é precioso, moi recomendable»- ou co Muíño da Ruxida, «un paraxe espectacular».

Coa selección de recunchos favoritos de Mónica Paz coincide outra das asiduas destes roteiros, Ana Piñeiro: «A que máis me gustou foi a Cova da Serpe, porque a maneira de subir foi especial». Esta veciña de Parga destaca que hai moitos lugares que non coñecía e que esta proposta lle permitiu descubrir, facéndoo ademais «da mellor maneira posible». E non é a única vantaxe que ten o Anda con Nós, xa que tamén serve para «facer amizades» con persoas que comparten unha afección.

As dúas confían en que esta proposta teña continuidade, xa que «hai xente que ten interese en seguir con esta iniciativa de cara ao ano que vén». Esperan que dende o Concello de Guitiriz se repita a iniciativa aínda que, de non ser así, non descartan crear un grupo de sendeirismo a través do que tentar programar eles mesmos este tipo de camiñatas porque «nos quedaron ganas de seguir facendo máis», dicen.

Comentarios