O problema do emprego

NAS campañas electorais hai a mala costume de simplificar algún dos problemas, aínda que existan diferenzas apreciables entre partidos neste asunto. En parte é debido ás dificultades para explicar algún destes asuntos e á necesidade de poder facer mensaxes simples e intelixibles por todos. Pero ás veces as simplificacións chegan ao exceso de situalos nun maniqueísmo de negro e branco, de bos e malos.

Nesta campaña esta simplificación estase a dar nun asunto capital como o do emprego, coa importancia e gravidade que ten na actual crise económica.

A simplificación comeza por endosar ao contrario a responsabilidade das cifras de crecemento do paro e continúa por establecer a súa solución como si se tivera unha variña máxica no caso de acadar o goberno. E incluso a simplificación continúa cando se compara a evolución do paro con outros países ou se fía gran parte da solución a unha reforma laboral ou a un novo modelo de contrato.

A complexidade do problema e as maiores dificultades para a creación de emprego, na actual situación de crise, deberan levar á prudencia e a non levantar unhas expectativas que serán moi difíciles ou imposibles de cumprir.

A importancia deste asunto aínda é maior a solución a outros problemas tamén se fai depender deste asunto. Non hai que discutir sobre os posibles recortes nos servizos básicos de sanidade ou educación porque có emprego que se vai crear aumentará tamén o consumo e as rendas e así haberá unha maior recadación de impostos e máis orzamentos para facer fronte a ese gasto sanitario ou educativo.

Neste asunto do emprego hai que ser coidadoso e realista non deixándose levar polas simplificacións que deforman a situación e non se corresponden coa realidade. Non se pode comparar de modo simplificado a evolución nos últimos anos do desemprego en España coa de Francia e Alemaña, sen advertir as grandes diferenzas existentes na propia estrutura do emprego. En España era moi dependente nun sector como o da construción que estaba sobredimensionado e que a crise deixou ao descuberto, así como no turismo, ambos moi dependentes no traballo temporal, fronte aos outros dous países, cun emprego industrial e de servizos en actividades notablemente máis sólidas, que aguantaron mellor a crise e non destruíron emprego na mesma medida que en España. ¿Cómo vai se comportar igual o sector da construción neste período de crise en España e Francia, que en termos relativos tiña a metade de ocupados neste sector e estaba ademais axustado ás súas necesidades?

E tamén hai que ser coidadosos coas promesas. Na campaña de 2009 o presidente Feijóo prometía rematar có problema do paro que atribuía á mala xestión do bipartito. A realidade é ben diferente. O paro aumentou desde entón a un maior ritmo en Galicia que no conxunto de España. Pero tampouco sería responsable facer depender esta evolución da xestión do seu goberno.

Comentarios