Miércoles. 14.11.2018 |
El tiempo
Miércoles. 14.11.2018
El tiempo

O primeiro albergue turístico privado de Abadín abrirá este mes

Daniel Valle, na recepción do albergue Xabarín en Abadín
Daniel Valle, na recepción do albergue Xabarín en Abadín
Xabarín, con 24 prazas, busca impulsar as visitas á zona e incrementar os servizos

Xabarín -cun xogo de palabras entre o animal que representa e o concello no que se asenta- será o primeiro albergue turístico privado de Abadín, e abrirá as súas portas este mes. Situado na Avenida de Galicia, a principal arteria da localidade, que une a comarca de Terra Chá coa costa lucense, o albergue ten capacidade para 24 persoas, con seis habitacións, de seis e catro persoas, e unha adaptada para persoas con mobilidade reducida, identificada por diferente cores.

Con aspecto de hostel europeo e unhas instalacións modernas -tódalas camas contan con enchufes e luz propia e accédese ás habitacións con tarxeta ou pegada dactilar-, o albergue busca impulsar o sector turístico na zona, cunha aposta aberta aos peregrinos que elixen facer o Camiño Norte e a todo tipo de visitantes.

"Tiñamos o espazo para facelo nun edificio familiar e decidimos apostar seguindo un soño. A zona vai caendo, perdendo poboación como todo o rural, e hai que darlle un impulso, e se non hai servizos é imposible ter visitantes", indica Daniel Valle, que será o encargado de xestionar estas novas instalacións, que contan cunha sala común, cociña, baños con tódalas comodidades e duchas de efecto chuvia e unha terraza onde se instalará a zona de lavandería, tumbonas e algún xogo, como unha mesa de ping-pong ou varias canastas.

"A Serra do Xistral é unha zona preciosa pero moi descoñecida e gustarianos co tempo poder ofrecer actividades para dala a coñecer", explica o promotor deste novo negocio, que indica que "non é un albergue ao uso".

"O obxectivo é que a xente se sinta como na súa casa. Gústanos moito viaxar e a nosa idea é facer un sitio onde a nós nos gustaría quedarnos. Enfócase dunha forma familiar, onde xente de tódalas idades teña o seu espazo", di, ao tempo que recoñece que o máis difícil foi cumprir con toda a burocracia e rematar as obras.

"Fixémolo con moita ilusión e o que máis nos gustaría é que lle guste á xente", di este novo empresario, que se estrea no mundo do sector turístico nun concello que é "fin de etapa do Camiño de Santiago". "Aquí remata a etapa que comenza en Lourenzá, un percorrido duro, que inclúe a subida da Xesta. Por iso cremos que é importante un lugar que ofreza un bo descanso", explica ao tempo que indica que o logo deseñouno Gema Cilleros, unha artista madrileña afincada en Lugo.

Aínda que polo momento non teñen pechados os horarios, que dependerán da demanda e das distintas épocas do ano, a idea inicial é abrir de luns a domingo.

O primeiro albergue turístico privado de Abadín abrirá este mes
Comentarios