domingo. 05.12.2021 |
El tiempo
domingo. 05.12.2021
El tiempo

''O prezo do aceite quirogués é o acorde á súa singularidade''

José Espinosa, xunto a unha oliveira (Foto: Toño Parga)
José Espinosa, xunto a unha oliveira (Foto: Toño Parga)

Recibiu unha proposta de xeito informal e acabou rastrexando en arquivos e realizando estudos sobre o solo e o clima. José Espinosa resume no libro ‘Mito y realidad del aceite en Quiroga’ os seus achádegos sobre un dos mellores recursos da comarca


NADO EN MONFORTE e asentado en Quiroga dende o ano 1997, José Espinosa Sánchez é profesor de Bioloxía no instituto quirogués. Ó longo da súa traxectoria profesional publicou e colaborou en varios artigos vinculados a aspectos relacionados coa fauna ou co solo, entre outros. Pero agora, co apoio do grupo se desenvolvemento rural Ribeira Sacra saíu á luz a súa obra ‘Mito y realidad del aceite en Quiroga’.

Como xorde a idea de escribir sobre o aceite de Quiroga?

Foi algo que naceu de xeito informal. Partiu dun grupo de produtores interesados en recuperar a práctica olivícola, que me propuxeron o tema, e foi ó empezar a buscar datos cando vin que precisaba un tratamento de carácter científico.

O libro aborda os mitos e realidades do aceite de Quiroga. Falemos dos mitos.

Cando o título fala de mitos refírese a lendas creadas na maioría dos casos sobre a orixe do aceite e o inicio da súa produción. Unhas semellan máis probables ca outras.

Por exemplo?

Unha das teorías apunta que as primeiras oliveiras viñeron a Quiroga da man dos pobos fenicios, o cal non quere dicir que despois os romanos se encargasen da súa comercialización e expansión. E se me vas preguntar cal é a razón pola que os fenicios trouxeron oliveiras, non se descarta que fora para algún uso de tipo relixioso coma o unxido dos cadáveres e para a súa aplicación en ungüentos ou menciñas. A min non me parece de todo desencamiñada esta teoría.

Hai algunha lenda da que disinta máis?

Fálase dunha suposta prohibición por parte de Isabel a Católica da produción de aceite da zona. Dise que foi como castigo a Galicia un pouco derivado dunha suposta mala relación con estas terras. Eu non fun quen de atopar ningunha documentación referida á existencia desa prohibición e, no caso de habela, considero que foi máis para potenciar a economía de novos reinos coma o de Granada, donde as oliveiras tiñan moito peso, que para castigar a Galicia.

Existen mitos sobre os coidados e as necesidades das oliveiras?

Algo diso hai. Sempre se dixo que tanto as oliveiras como os viñedos precisan de certa calefacción de raíz. Calor que reciben preferentemente a través de solos de pedra ou grava. Pero no caso das oliveiras atopamos que se dan en solos de diferente pedregosidade e que a calidade e a cantidade da súa produción non presenta diferenzas moi grandes. Por exemplo, a pedregosidade oscila entre o 30 e o 70% dunhas oliveiras de Quiroga a outras e non hai grandes cambios na produción.

E en canto ás realidades?

Unha das máis interesantes segundo o meu criterio é que a oliveira é unha especie ideal en canto a flora de repoboación espontánea, que brota despois de incendios forestais. Outra realidade é que á hora de prantar estas especies é básico contar coa inclinación, a pendente e a orientación do terreo para garantir a súa prosperidade.

Cal é o estado actual do aceite de Quiroga?

Está en fase de desenvolvemento. Redescubriuse no ano 1956 nunha exposición de produtos agrícolas que tivera lugar en Lugo e a partires diso, nos anos 80, probouse a prantar novas especies e nos 90 comezou un novo proceso de expansión.

Como foi aquela exposición do 1956?

Deuse unha anécdota curiosa. Un veciño do lugar de Peites levou unha mostra da súa produción co nome de Aceite de Peites e algún alto cargo preguntou cál era a oliva da variedade Peites. Foi aí cando se lle explicou que Peites era un pobo galego no que se daban as oliveiras e se podía producir aceite. Despois xa se apostou pola fórmula de nomealo aceite de Quiroga.

Falaba dun proceso de expansión a partires dos 90. Fíxose de forma ordenada e respectando as especies autóctonas?

É complicado falar de especies autóctonas porque as oliveiras de Quiroga son un pouco particulares. Eu considero que son unha adaptación centenaria dunha especie común ás características do solo e do clima da zona. Aquí hai dúas especies diferentes que poden ser evolucións de arbequina. En calquera caso, esas plantacións fixéronse con arbequina na súa maioría, algo de koroneiki e picual, variedades compatibles co entorno.

Tendo en conta o presente do aceite de Quiroga e as conclusión ás que chegou ó escribir o estudo, que lles recomendaría ós colleiteiros da zona?

Un pouco o que dicía de controlar ben a pendente do terreo e a insolación para o desenvolvemento do fruto sexa o adecuado. En segundo lugar, tendo en conta que a explotación das oliveiras non precisa de moita mecanización, podemos recorrer a solos que tradicionalmente se adicaron ó uso forestal ou frutícola, xa que a marxe de pendente é moi variada e poden ser aptos terreos de entre o 12 ou 15% de pendente ata o 60 ou 70%. En terceiro lugar, hai que controlar o tema da pedregosidade porque anque eu entendo que hai máis marxe nese aspecto da que se pensa, tamén é certo que se deron casos nos terreos arxilosos dalgunha atrofia nas oliverias. Así que habería que descartar eses terreos para a produción.

Que hai diso de que son as árbores centenarias as que máis producen?

Iso tamén é un pouco de mito. Unha oliveira produce ó terceiro ou cuarto ano de vida. No quinto ano cada pé de oliveria pode dar cinco kilos de aceituna, é dicir, un litro de aceite e considero que alcanza a maior produción ós 15 ou 20 anos. Agora mesmo, das que hai en Quiroga as prantadas nos anos 80 están en pleno apoxeo e están arrancando forte xa as dos anos 90.

Que hai do mercado?

Funciona daquela maneira, a maioría das firmas venden a súa produción en tendas locais antes de que acabe a tempada. Pero habería que mellorar dous aspectos. Dun lado que hai que perder o medo a etiquetar e vender baixo unha marca e, por outro lado, hai que traballar na distribución para mandar o aceite a outros destinos.

En detalle

«O aceite de Quiroga é ideal para verduras, polbo ou aliños»

Como é o aceite de Quiroga?

Moi rico. En canto a cata, ten un par de aristas moi desenvoltas. É unha amarga, pero agradable, e outra picante. E creo que son esas aristas as que lle dan a súa singularidade.

Cales son os usos ideais?

Con verduras cocidas, co polbo e en calquera aliño.

Como ve o futuro do sector?

En alza. Nos 90 a produción era testimonial e este ano, tendo en conta a produción declarada para a feira do aceite e a non declarada, estamos no 12.000 ou 15.000 litros. En quince anos, e anque non se prantaran máis hectáreas, chegaríamos ós 100.000 litros.

E de prezo?

Sempre se di que o aceite de Quiroga é caro porque anda nos 20 euros o litro, pero considero que se mantén a súa singularidade pode permitirse demandar ese prezo. En tendas delicatessen vin marcas de 30 euros o medio litro e de 50 euros o litro, e a cata non é superior á do aceite de Quiroga.

Cal é a súa impresión tras afondar neste produto?

Que temos aí un recurso moi valioso polo que hai que apostar forte porque pode dinamizar a economía local e para recuperar o medio rural.

 

''O prezo do aceite quirogués é o acorde á súa singularidade''
Comentarios