O prezo da vida

HABERÁ un par de anos sorprendeume ver na mesa do meu médico de atención primaria unha morea de moedas de un e dous euros. Coa seriedade por veces fatal da retranca, pregunteille se aquel diñeiro correspondía xa a algún tipo de pagamento que deberamos facer polas de receitas ou por outro concepto. O doutor respondeume, amosando un humor igualmente serio, que polo momento non, que tal diñeiro proviña da colecta semanal para xogar a primitiva, pero que calquera día non lle estrañaría o máis mínimo que tal sucedese. A anécdota mal casaría co rótulo cinematográfico deste artigo de non ser polo que de alí a pouco comezou a acontecer na sanidade pública. O proceso de privatización e, en particular, a implantación dun sistema de copagamento de fármacos dispensados en hospitais a pacientes crónicos ou graves, fíxome recordar moitas veces a broma da moedas, que mesmo me pareceu unha ironía tráxica.

O título desta columna ten máis que ver coa noticia, coñecida esta semana, do desmantelamento dunha rede de venda de órganos para o transplante. Presentada como o primeiro caso do que se ten constancia en España, a redacción da nova resaltou, en xeral, os seguintes factores, nunca inocentes: a nacionalidade libanesa e a relixión musulmá do cliente, a estranxeiría de todos os detidos e a condición de inmigrantes ilegais, con dificultades económicas, das persoas que se someteron a probas de idoneidade para a doazón. A iso contrapuxo o eficiente funcionamento do «estrito protocolo sanitario» da Organización Nacional de Transplantes, peza clave no aborto da operación. Finalmente, a información difundida nos medios deixou constancia do prezo fixado para a parte do fígado doada, 40.000 euros. É talvez esta cifra, inalcanzábel para unha economía media e irrisoria para unha fortuna, a que envolve o suceso nunha mestura de morbo e de arrepío ao facer pensar sobre o prezo dun órgano vital ou, o que é o mesmo, sobre o prezo da vida.

Os 40.000 euros avultan ben máis que os números que están manexando as asociacións de pacientes e outras organizacións sobre o impacto dos recortes na sanidade, e máis aínda que as ridículas cifras do aforro que vai supor. A diario estamos a coñecer novas sobre as carencias que están a sufrir os centros de saúde, unhas máis incríbeis, como a calidade dos menús, a falta de material básico; outras máis dramáticas, como os falecementos denunciados por demora a atención; e outras invisíbeis, como a imposibilidade de facer fronte a fármacos e outros produtos necesarios para o coidado por parte de moitos pacientes. Malia non causaren o impacto da noticia sobre a venda de órganos e o seu custo, que non nos debera estrañar tanto na deriva do capitalismo dos nosos días, estes datos conviven con nós e falan tamén do prezo da vida.

un falar

Comentarios