O prezo da patria

Dúas citas chamaron a nosa atención nos solemnes discursos de toma de posesión de Alberto Nuñez Feijoo como presidente da Xunta de Galicia: unha no marco do chamado salón dos reis do Parlamento e outra no debate de investidura, celebrado o 14 de abril. A primeira é de Cunqueiro, ao parecer extraida do xornal El Pueblo Gallego do 27 de xuño de 1936, moi significativa de aquel momento histórico, e moito mais para quen a escrebeu e logo debeu dedicar inauditos esforzos para esvaela, cousa que dou acadado en pouco tempo: "No tocante ao que unha patria pide aos seus, ou se é, ou non se é". E o novo presidente engadiu "eu quero ser". Aquí só faltou aquilo que canta a Aída de Verdi, no terceiro acto: "Oh patria! Oh patria quanto mi costi!".

Pero, sobre todo, a cita final do discurso de investidura: "Deus fratesque Gallaecia. Os nosos antergos adoitaban invocar a Deus para sair con ben das suas loitas". En fin, non é asi exactamente, xa que segundo Lanza, que á sua vez cita a Benito Vicetto, era a divisa dos Irmandiños, que pode traducirse por Deus e os irmans de Galicia. Pero é que ademais o Seminario de Estudos Galegos inxeriu no seu anagrama esa mesma frase, pero cun engadido: Deus sciencia fraqueste Gallaecia.

Nengunha referencia é casual e moito menos para rematar un discurso limiar. O lema da revolta irmandiña ofrece enormes posibilidades especulativas. Quer decirse que asi como a referencia semella moi atinada para que o señor Beiras a escollese para o seu grupo —Encontro Irmandiño—, sen dúbida inspirándose nun movimento moi ben estudado por el no seu O atraso económico de Galiza e de xeito brillante no capítulo titulado Unha frustración social premnatura, puidera ser un tanto desaxeitada na panoplia discursiva presidencial. E por iso houbo quen apontou que se referia ao emotivo poema de Alfredo Brañas do mesmo título, tendo en conta que o autor de El regionalismo é o epónimo dunha fundación do Partido Popular. Pero velaí, os abraiantes versos finais tollen esta interpretación: "Cantai galegos, / a idea santa / da independenza / da nosa Patria".

Dificil cuestión, a non ser que a resposta estexa na explicación que da locución latina fornece a Enciclopedia Galega: unha organización integrista fundada en Pontevedra en 1935 cuxos obxectivos eran "loitar arreo pola conceición católica do mundo e da sociedade humán, e do sistema de valores éticos estéticos e cientificos que o catolicismo cria e representa...".

O certo é que a medida que fomos debullando todas as posibilidades, a nosa incertidume foi medrando. Xa cando se criou a Fundación Alfredo Brañas éramos da opinión de que a escolla do nome fora unha decisión bastante vertolán. O de Carballo nada ten que ver con Antonio Cánovas del Castillo que rotula a homóloga estatal, e mesmo chegamos a sospeitar que a preferencia por Brañas non asoleirou na lectura de El regionalismo, senón sinxelamente no título do libro, no canto do contido.

Comentarios