O premio lancarés Facer País recoñece o labor "revitalizador" de Xermolos

A agrupación cultural de Guitiriz, con 41 anos de historia, recibirá o galardón en Láncara o 11 de novembro. "É a mellor distinción posible porque vén das asociacións", di o seu coordinador
Carlos López Sierra, Manuel Fernández Arrojo e Darío Piñeiro, no Consello da Cultura Galega
photo_camera Carlos López Sierra, Manuel Fernández Arrojo e Darío Piñeiro, no Consello da Cultura Galega

A asociación cultural Xermolos de Guitiriz, que esta semana cumpriu 41 anos de vida, vén de ser recoñecida co premio Ramón Piñeiro, Facer País "pola súa forte presenza en todos os eidos da cultura" e por promover proxectos "revitalizadores" do tecido social e do artellamento de Galicia "como país vivo e esperanzado". Así o anunciaron o mércores no Consello da Cultura Galega Carlos López Sierra e Manuel Fernández Arrojo —membros da asociación cultural Val de Láncara, convocante deste galardón—, xunto co alcalde lancarés, Darío Piñeiro.

Un total de 25 candidaturas optaban a esta décimo sexta edición do premio, entre as cales un xurado composto por asociacións culturais de Sarria, Láncara e O Corgo valorou os méritos dun colectivo "pioneiro" coma Xermolos.

A acta do xurado recolle a loita desta asociación "polo espallamento e a dignificación dos valores da cultura tradicional galega", así coma o seu "compromiso" coas comunidades locais e comarcais onde se asenta e a difusión da obra dos autores chairegos en particular e galegos en xeral. Tampouco pasa por alto a "promoción da música, a danza e a artesanía populares", mantendo ano tras ano o Festival de Pardiñas, e sendo un "exemplo" para moitas asociacións do medio rural galego.

O crego, coordinador e "catalizador insubstituíble" de Xermolos, Alfonso Blanco Torrado, agradeceu a concesión deste galardón —sen dotación económica— e puxo en valor a súa concesión por parte doutros colectivos. "É o mellor premio posible porque vén das asociacións, porque traballamos ao mesmo nivel cada unha na nosa comarca, mantendo a nosa cultura, a nosa fala, a nosa creación", sinalou Alfonso Blanco, quen fixo extensiva a distinción a outras agrupacións. "Camiñamos polos mesmos sendeiros", dixo.

A nivel persoal, considerou unha "honra" recibir unha distinción que leva o nome do seu amigo Ramón Piñeiro, quen, curiosamente, contribuíu ao proceso de legalización de Xermolos na súa orixe. Do mesmo xeito, cualificou de "emocionante" sumarse a unha lista de premiados que abriu o intelectual Isaac Díaz Pardo, "unha referencia para Xermolos".

O premio, consistente nunha obra artística, entregarase o vindeiro día 11 de novembro en Láncara, nun acto coa particpación de veciños e personalidades do mundo da cultura galega.

Comentarios